A directora da AMTEGA sinala en Madrid as vantaxes da transformación dixital para as Administracións Públicas

martes, 21 de maio do 2019 Redacción

Imaxe de Daniel Vega durante o panel desta mañá

Pasar dunha Administración reactiva e xeneralista a uns servizos públicos proactivos e personalizados é un dos obxectivos principais do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Así o destacou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, durante a súa intervención esta mañá no Digital Enterprise Show (DES) 2019, que se está a celebrar en Madrid.
O DES é un evento internacional para directivos sobre dixitalización, que celebra este ano a súa cuarta edición. O certame, que se consolida como o maior foro profesional europeo sobre transformación dixital, reúne en Madrid entre hoxe e o día 23 de maio, a máis de 20.000 profesionais de todo o mundo para coñecer as tecnoloxías que están a impulsar a competitividade e novos modelos de negocio para empresas.
A directora da AMTEGA participou, xunto con responsables das Comunidades de Madrid, Andalucía, Valencia e Cataluña, no panel Digital First. Innovación 4.0 e dixitalización nas Administracións Públicas no que abordaron os principais desafíos autonómicos no desenvolvemento das estratexias de transformación dixital e expuxeron os plans en marcha e obxectivos das súas comunidades neste ámbito.
Mar Pereira sinalou que para acadar a transformación dixital son precisos, tanto liderado político, como capacidade executiva para desenvolver un proxecto que teña impacto transversal na organización, ademais de orzamento e tempo.
Neste sentido, Galicia leva traballando desde 2010 na dixitalización da Administración cunha estratexia planificada, primeiro o Plan de Modernización da Administración e agora o Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, que cunhas medidas definidas permitiron investir en plataformas e infraestruturas tecnolóxicas, medidas de seguridade e capacitación dixital, tanto dentro como fóra da Administración para evitar a fenda dixital.
A directora da Axencia afondou na necesidade de que todas estas medidas vaian acompañadas do marco xurídico adecuado e lembrou que en Galicia está en trámite parlamentario o Proxecto de Lei de Administración Dixital, que busca acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva.
Por último, a directora da AMTEGA destacou a importancia da cooperación interinstitucional en todo este proceso para facilitar un modelo conxunto de servicios que facilite a reutilización e a interoperabilidade entre administracións. A Xunta de Galicia ten a disposición dos concellos e deputacións unha carteira de servizos dixitais para facilitar a incorporación das entidades municipais, especialmente das máis pequenas, á transformación dixital.

PUBLICIDADE