A directora do IGAPE salienta a importancia da IA para o tecido produtivo

xoves, 26 de outubro do 2023 Redacción

A directora do IGAPE, Covadonga Toca, participou esta mañá na Coruña na inauguración da xornada Benvido, futuro: proxectando Galicia, que tivo lugar na sede de Nordés Club Empresarial, e onde puxo en valor as posibilidades que ofrece a IA de cara a mellorar a competitividade do tecido produtivo reforzando a aposta pola innovación e as novas tecnoloxías.
“A intelixencia artificial xa está a transformar a nosa forma de vivir e traballar, abríndose paso na maioría das esferas da actividade humana”, salientou Toca, quen avogou pola colaboración público-privada neste campo para seguir avanzando e permitir ao tecido empresarial “solucionar problemas, novos niveis de velocidade e precisión ou unha maior eficacia e novas formas de traballar”.
Un esforzo conxunto que, como indicou a directora do IGAPE, debe atender tamén a aqueles aspectos máis delicados, como as preocupacións sobre a privacidade das persoas, os ciberataques ou a xestión do cambio e a formación. Factores para os que, precisou, resulta fundamental a aposta polo talento como “motor da economía do coñecemento”.
Covadonga Toca resaltou a importancia dese talento nas organización de cara a “desenvolver, implementar e xestionar tecnoloxías de maneira ética e efectiva”. “A medida que a automatización e a intelixencia artificial continúan transformando a economía, o talento humano vólvese aínda máis esencial”, apuntou.
Neste contexto, a directora do IGAPE salientou que Xunta ten clara a necesidade de adoptar as tecnoloxías emerxentes, xa que as empresas poden obter vantaxes competitivas e oportunidades de crecemento. Por este motivo, lembrou, vense de inaugurar, o pasado día 20, o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC.
Este espazo, explicou, está chamado a ser “un núcleo tractor, aberto e colaborativo, coas máquinas de intelixencia artificial máis avanzadas”, o que permitirá ás empresas galegas, especialmente ás do sector TIC, dispoñer dunha “contorna de traballo inigualable e de altas capacidades”. “O progreso da Cidade dás TIC vai ser crucial, e por este motivo desde a Xunta apoiaremos aos proxectos que dentro desta singular contorna váianse xerando”, incidiu.