A directora do Instituto de Microelectrónica de Sevilla falará no CITIC das conexións entre o noso cerebro e a IA

mércores, 25 de febreiro do 2026 S. P.

Teresa Serrano-Gotarredona, profesora de investigación do CSIC no Instituto de Microelectrónica de Sevilla e directora do centro desde 2023, impartirá o vindeiro luns, 2 de marzo, unha conferencia sobre Enxeñaría Neuromórfica: IA sostible imitando o noso cerebro. A charla terá lugar ás 12.00 horas na Sala Cloud do CITIC, no Campus de Elviña da Universidade da Coruña dentro do ciclo de conferencias Converxencia verde: IA para un futuro sustentable, impulsado pola cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes.
Dende o Centro de Investigación TIC da UDC lembran que a enxeñaría neuromórfica céntrase en emular os principios computacionais e as arquitecturas dos cerebros biolóxicos para deseñar sensores e procesadores capaces de realizar tarefas cognitivas, como o procesamento visual ou auditivo, mellorando a eficiencia fronte ás implementacións convencionais.
Durante a conferencia, Serrano-Gotarredona explicará as diferenzas entre os sistemas neuronais biolóxicos e os sistemas de cómputo artificiais, tanto a nivel arquitectural como na codificación e procesado da información. Un dos temas principais será mostrar como os nosos sensores poden captar o que vemos e transformalo en sinais eléctricas que o cerebro ou un ordenador pode entender. Explicaranse tamén como estes sinais viaxan e se procesan dun xeito máis flexible e eficiente, sen necesidade de facelo todo ao mesmo tempo. Ademais, mostrará exemplos reais de sensores e computadores inspirados no cerebro, creados polo Instituto de Microelectrónica de Sevilla, que permiten que as máquinas capten e procesen información visual de forma máis intelixente.
Experta internacional
Licenciada e doutora en Física pola Universidade de Sevilla, Teresa Serrano-Gotarredona completou os seus estudos de mestrado na Johns Hopkins University grazas a unha bolsa Fulbright. A súa investigación céntrase no deseño de circuítos integrados analóxicos, sensores e procesadores neuromórficos para visión en tempo real e computación eficiente empregando dispositivos a escala nanométrica. Ao longo da súa carreira, recibiu recoñecementos internacionais como o IEEE VLSI Systems Best Paper Award e o IEEE Circuits and Systems Darlington Award, ademais de desempeñar cargos destacados en comités e publicacións do IEEE.
A súa conferencia no CITIC encádrase nas actividades da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, creada en 2023 pola Universidade da Coruña e Inditex, ten como misión impulsar a investigación, a formación e a transferencia de coñecemento en intelixencia artificial aplicada á sustentabilidade. Entre os seus obxectivos salientan o desenvolvemento de programas formativos, a promoción da innovación e da cooperación público-privada, a valorización dos resultados da investigación e a difusión científica.
As inscricións poden facerse xa en liña, segundo confirmou o CITIC.