A directora xeral de Red Hat fai unha proclama para que o talento feminino chegue ás TIC

venres, 19 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Na nosa terra nin a mocidade en xeral aposta o suficiente por carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) nin tampouco as mozas teñen todas as facilitades e os estímulos que deberan ter para convertérense en tecnólogas ou científicas. Esta realidade leva anos poñéndose de relevo e criticándose, e hoxe escoitouse ben alto na nova xeira de divulgación e información do o programa Girl STEM, dirixido a combater a falsa crenza que identifica aos homes coa ciencia e novas tecnoloxías, deixando de lado o crucial traballo das mulleres nestes ámbitos. Girl STEM, que vén da man da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA, contou hoxe coa presenza de Julia Bernal, directora xeral de Red Hat.
A relatora, considerada unha das máis importantes directivas españolas, engadiu ao devandito que o talento feminino “non está chegando como debería chegar ás carreiras técnicas”. Así o manifestou na xornada que celebrou na Coruña (na sede da Fundación Barrié de la Maza) o programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, inserido no Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.
Bernal, unha das candidatas ao Top 100 Mulleres Líderes 2018, dixo que as profesións STEM (as vencelladas aos eidos da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) teñen “máis demanda que nunca”, pero o interese polas carreiras técnicas por parte das mulleres “descendeu un 25% nos últimos dez anos”, aludindo a información achegada pola UNESCO.
Na cita con rapazas e rapaces de varios centros de ensino da Coruña e da súa contorna, Bernal engadiu que “non se pode permitir prescindir do talento das mulleres nun escenario que cambia cada vez a unha maior velocidade”. Asemade, fixo un chamamento para, entre todas e todos, facerlles ver ás mozas que “a creatividade non é incompatíbel con estas carreiras, é máis, é necesaria xunto con outros valores como a colaboración e a necesidade de compartir coñecementos”.
Na sesión tamén participou Rosa Méndez, directora da área de Sociedade Dixital da AMTEGA, quen indicou que en Galicia “só o 9,3% das persoas que estudan unha carreira universitaria escolle ámbitos STEM”, dos cales só unha quinta parte son mulleres, unhas cifras que, segundo Méndez, "contrastan coa ampla empregabilidade" das profesións científico-técnicas. A directora tamén salientou que as profesións STEM dan emprego a 17.000 persoas na nosa Comunidade.
Quen é Julia Bernal
Segundo nos conta AGASOL, é a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017, e foi a primeira muller en ocupar este cargo na compañía en España. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das Tecnoloxías da Información (TI) e ocupou unha manchea de posicións técnicas e de liderado en referentes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. A compañía norteamericana Red Hat, representada na Península por Julia Bernal, é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns (a única organización do seu sector que alcanza esa cifra).
Girl STEM, obxectivos e metodoloxía
AGASOL e AMTEGA queren reducir a fenda entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para iso, poñen en marcha o programa Girl STEM: derrubando estereotipos, que se desenvolverá nas sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro.
Trátase dun programa de asesoramento con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo con mocidade de ESO e Bacharelato, achegarán a súa experiencia, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. A primeira cita, o 21 de setembro, contou coa presenza de Edita de Lorenzo. Logo foi a quenda de Monsterrat Guardia e de Deborah García.

PUBLICIDADE