A división de Samsung responsable da fabricación de memorias prevé beneficios históricos
martes, 7 de xullo do 2026
Samsung Electronics prevé rexistrar este ano uns resultados históricos grazas ao forte impulso da demanda de semicondutores para intelixencia artificial. As declaracións dun dos principais directivos da división de chips reforzaron as previsións do mercado, que tamén apuntan a un trimestre de récord tanto para Samsung como para SK Hynix.
Kim Yong-kwan, presidente e responsable de xestión corporativa, estratexia e operacións da división Device Solutions (DS), asegurou durante unha reunión interna celebrada a pasada semana que o beneficio operativo deste exercicio debería situarse en liña co consenso do mercado. Segundo fontes do sector citadas pola prensa surcoreana, o directivo destacou que o beneficio anual previsto superará o acumulado obtido pola empresa nos máis de corenta anos transcorridos desde a súa entrada no negocio dos semicondutores.
As estimacións dos analistas sitúan o beneficio operativo anual de Samsung arredor dos 300 billóns de wons (uns 187.000 millóns de euros). Kim tamén subliñou a sólida xeración de caixa da empresa e avanzou que continuará incrementando os investimentos, que xa superan os 40 billóns de wons anuais (52.700 millóns de euros), para responder á crecente demanda de chips destinados á intelixencia artificial.
As previsións tamén apuntan a que Samsung podería marcar un novo récord trimestral (estimado en 84,6 billóns de wons, o que serían uns 52.700 millóns de euros) no segundo trimestre. De confirmarse esta cifra cando publique os seus resultados preliminares, superaría o beneficio operativo trimestral de 53.540 millóns de dólares rexistrado por nVIDIA no seu primeiro trimestre fiscal, converténdose no maior beneficio operativo trimestral obtido ata agora por unha empresa tecnolóxica.
SK Hynix tamén se prepara para presentar uns resultados moi sólidos. A compañía publicará as súas contas o vindeiro 29 de xullo e espérase que alcance un beneficio operativo de 64,44 billóns de wons (40.100 millóns de euros). Se ambas empresas cumpren as expectativas, o beneficio operativo combinado aproximarase aos 149 billóns de wons (92.800 millóns de euros) nun único trimestre, un nivel sen precedentes para os dous fabricantes surcoreanos.
Con todo, parte dos analistas consideran que o mercado esixirá resultados que superen amplamente as previsións, ante o temor de que o ciclo alcista das memorias poida estar preto do seu teito. Durante esta campaña de resultados prestarase especial atención á duración dos contratos de subministración de memoria a longo prazo e á evolución dos prezos despois do terceiro trimestre.
Os investidores tamén seguen de preto a próxima estrea de SK Hynix no mercado estadounidense mediante a cotización de certificados ADR. HSBC elevou recentemente o seu prezo obxectivo para a compañía desde 2,9 ata 4 millóns de wons por acción, argumentando que a operación mellorará o acceso dos investidores internacionais ao valor e reforzará as iniciativas favorables aos accionistas.
