A dixitalización das aulas galegas segue adiante grazas a 9.000 paneis interactivos da Xunta

luns, 27 de marzo do 2023 S. P.

Na mañá deste luns 27 de marzo os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitaban o colexio CEIP Fontiñas de Compostela para comprobar a estrea das pantallas interactivas instaladas ao abeiro do Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas que está a desenvolver a Xunta cun investimento de 134,6M€, e no marco do que se están a instalar máis de 9.000 paneis.
Segundo os propios conselleiros, a finalidade desta achega é continuar avanzando na dixitalización das aulas galegas das etapas de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Asemade, como novidade, instalaranse estes dispositivos en centros que imparten ensinanzas de réxime especial.
Pola súa banda, o titular de Educación, Román Rodríguez, salientou a importancia desta dotación tecnolóxica para garantir “a igualdade de oportunidades” na aprendizaxe ao tempo que se consolida a modernización do ensino galego tanto para o alumnado como para o profesorado.
Na actualidade todas as aulas públicas dende 5º de Primaria até Bacharelato contan con encerado dixital interactivo, complementándose cun computador e un proxector. As novas pantallas interactivas non precisan deste equipamento complementario, polo que supoñen un avance.
Engadir que para 2024 está previsto completar o proceso, de tal xeito que todas as aulas de centros públicos dependentes do Goberno galego dende 2º ciclo de Infantil até 2º de Bacharelato conten con este tipo de dispositivos.

PUBLICIDADE