A dixitalización permite acurtar prazos na implantación do rexistro civil electrónico

venres, 21 de xuño do 2024 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou onte en Zaragoza na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde se abordaron entre outros temas os avances na implantación do rexistro civil electrónico. O impulso da Xunta á dixitalización permitiulle a Galicia acurtar os prazos previstos polo Goberno central, segundo informou Diego Calvo no encontro entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas.
O conselleiro apuntou que na actualidade o 75% da poboación galega dispón xa de rexistro civil electrónico fronte ao 52% o conxunto nacional, ao estar implantado en 20 partidos xudiciais. Sete deles correspóndense coas principais cidades e en todos os casos se inclúen tanto os xulgados de primeira instancia como os de paz. Ao longo deste ano a dixitalización deste servizo chegará aos partidos xudiciais de Becerreá, Bande, Tui, O Porriño, Monforte de Lemos, Caldas de Reis, Redondela e Mondoñedo. Prevese que o proceso remate en xuño de 2025, reducindo en cinco meses o prazo establecido polo Ministerio.
A implantación da nova aplicación informática DICIREG permite tramitar os expedientes de forma electrónica, avanzando cara ao rexistro civil dixital en cumprimento da Lei 20/2011 de Rexistro Civil. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a prestar a formación necesaria, con apoio en liña e presencial, o que permite axilizar a posta en marcha deste complexo sistema.
Estes avances enmárcanse na aposta da Xunta pola dixitalización da Administración de Xustiza, que lle permitiu iniciar o ano con todos os obxectivos marcados para 2023 nesta materia cumpridos. Nesta liña insírese a dixitalización das máis de 200 salas de vistas da comunidade, que contan co equipamento necesario para a celebración de procedementos de forma electrónica. Disponse así de salas de audiencia totalmente virtuais, nas que se poden levar a cabo accións telemáticas con plena seguridade xurídica e mellorar o acceso a distancia da cidadanía aos servizos prestados pola Administración.
Outro dos fitos cumpridos é o da adxudicación do apoio aos proxectos tractores de dixitalización da Administración Xeral de Xustiza, que contou en Galicia cun orzamento de case 15 millóns de euros. Canto aos sistemas de información e canles dixitais, séguese a avanzar tamén na dixitalización e interoperabilidade das Oficinas de Atención ás Vítimas de Delito (OAVD) e do Instituto de Medicina Forense de Galicia (Imelga), así como no expediente xudicial electrónico entre outros proxectos.
Os avances na dixitalización da Administración de Xustiza en Galicia enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega.

PUBLICIDADE