A edición 2017 do ICCWeek xa ten aberto o prazo de inscrición

venres, 21 de abril do 2017 Redacción

Xa está aberto o prazo de inscrición para asistirmos ás actividades do ICCWeek2017 de Ourense, que se desenvolve en diferentes puntos da cidade e da provincia entre o 2 e o 7 de maio. Como lembraremos, trátase dun conxunto de actividades multidisciplinares (concertos, proxeccións, presentacións de novas tendencias tecnolóxicas e de aplicacións móbiles, demostracións de vídeo xogos, obradoiros, charlas e mesmo unha festa informática para a mocidade, a Technium Party) organizado pola Deputación de Ourense co obxectivo de converter a provincia no epicentro da creatividade e da innovación a nivel galego, estatal e internacional. Este ano xuntará a ICCWeeek xuntará máis de 40 profesionais de diversos eidos, xirando arredor da cultura, a tecnoloxía, o audiovisual, a creatividade, a música, a fotografía e as novas tendencias. Segundo lembra estes días a Deputación de Ourense, organizadora da semana, todos relatorios son de balde. A edición 2017 do evento celébrase baixo o seguinte epígrafe: Cultura e creatividade como valor nos territorios.
Como dixemos, a semana desenvolverase en diversos puntos da provincia e contará ademais con representantes de El País Retina, Ouishare, o blog El Comidista, o Grupo Nove, a serie El Ministerio del Tiempo, VEGAP ou a produtora Disney. As actividades comezarán o 2 de maio cun acto inaugural que xirará arredor da Cultura e creatividade como valor nos territorios e contará coa presenza de Javier Rioyo, director do Instituto Cervantes de Lisboa, cineasta xornalista e escritor, e Elsa Punset, escritora e divulgadora, para culminar cun concerto de Depedro no Teatro Principal.
No que atinxe ao ámbito que nos ocupa, o tecnolóxico, lembrar que o espazo de divulgación La Molinera, emprazado na propia cidade de Ourense, será o punto de encontro para as persoas máis interesadas nas tendencias da cultura dixital, onde se afondará nos grandes desafíos da economía cooperativa ou da nova economía do coñecemento. Para afrontar esta tarefa, ICC Week contará coa presenza con Pako Rodríguez (Ouishare), Fran Rodríguez (director da ESEI do Campus de Ourense), Xosé Lois Vázquez (director do Outono Fotográfico), Javier Gutiérrez (director xeral VEGAP) e Jaime García Cantero (director xeral de contidos de El País Retina).

PUBLICIDADE