A edición 2025 do Bono Turístico arrinca este venres con 7.000 descargas
venres, 18 de xullo do 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou este 18 de xullo a axencia Infinita Viaxes, en Santiago de Compostela, unha das empresas participantes nesta edición do Bono Turístico que vén de abrir o prazo de descargas para o público xeral, este mesmo venres. Na súa visita Merelles destacou que “o Bono Turístico avanza a bo ritmo tal e como reflicte o dato de que xa se descargaran máis dun terzo con case 7.000 bonos por parte de particulares”. A isto hai que engadir tamén os establecementos adheridos, que se achegan xa aos 200.
En total, “poranse en circulación máis de 16.000 bonos que se poderán gozar en distintos establecementos e servizos turísticos de Galicia desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano”, salientou Xosé Merelles ao tempo que animou a súa descarga e tamén ás empresas a continuar adheríndose ao programa.
Lembrou que toda a información sobre a iniciativa está dispoñible na web dos Bonos Turísticos e o prazo de descarga dos bonos para o público xeral rematará o 19 de decembro deste ano. En total, a Xunta inviste este ano 1M€, a través dos que se espera mobilizar ata 2,5M€ no sector durante o outono.
Explicou tamén que cada persoa poderá acceder a un máximo de dous bonos, que serán cada un dun importe de 150€, co-financiados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes. Estas últimas deberán, por tanto, abonar 90€ por cada bono, 180€ no caso de que accedan aos dous máximos, que lles facilitarán ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos participantes no programa.
