A edición de coleccionista de Batman: Arkham Asylum venderase en Europa

luns, 20 de abril do 2009 Marcus Fernández

O novo xogo de Batman está a dar moito que falar, pois cada semana os seus responsables están a adiantar detalles do mesmo, como imaxes de personaxes coma Bane ou Harley Quinn, aínda que o que está a causar máis sensación é o anuncio dunha edición limitada de coleccionista que afortunadamente poderemos ver en Europa.
Dende Eidos confirman que a edición especial do xogo que se venderá en Europa a partir de xuño será idéntica á norteamericana, ou sexa, que incluirá unha copia do xogo (na súa edición de PS3 ou de Xbox 360, non existindo versión para PC), unha reprodución dun batarang de 35,5 centímetros, o Diario do Dr. Young (que sería un libro de 50 páxinas a xeito de enciclopedia de personaxes), un DVD con vídeos (como entrevistas con Mark Hammil e Kevin Conroy) e un código para a descarga do primeiro mapa de expansión do xogo.
Aínda non está confirmado o prezo desta peza de coleccionista, pero podería custar uns 80 euros, o que resultaría bastante atractivo tanto para os afeccionados ao Cabaleiro Escuro como a xente que xa teña pensado facerse cunha copia de Batman: Arkham Asylum.

A edición de coleccionista do xogo é realmente completa

PUBLICIDADE