A edición galega da First Lego League 2016 celebrarase o día 20 na FIC

venres, 5 de febreiro do 2016 Redacción

Partindo do alicerce dun brinquedo tan senlleiro como o Lego (abreviatura de dúas palabras danesas: leg godt, ou “xogar ben”) chega ás instalacións da Facultade de Informática da Coruña (FIC) o torneo First Lego League (FLL) Galicia 2016. O encontro terá lugar o 20 de febreiro dende as 9.00h até as 14.00h, quedando convidados a participaren estudantes de primaria e secundaria que sintan interese polas novas tecnoloxías e queiran traballar en equipo para presentar un proxecto científico.
Emporiso, na edición galega faranse dúas competicións de xeito parello: a Junior First Lego League (non competitiva), para nenas e nenos entre 6 e 9 anos; e a First Lego League, na que compiten equipos de 3 a 10 participantes de entre 10 e 16 anos acompañados por un adestrador. Esta última consta dunha proba de robótica, a presentación dun proxecto científico (este ano sobre o reciclado do lixo), e a demostración do desenvolvemento de valores como a cooperación, a valoración do traballo ben feito, o respecto ao traballo dos demais, etc.
Informar que a organización deste torneo corre a cargo de 3 centros da UDC: a Escola Universitaria Politécnica e a Escola Politécnica Superior (ámbalas dúas de Ferrol) e a Facultade de Informática da Coruña. Dende a organización apuntan que é precisa a participación desinteresada de voluntarios e voluntarias para garantir o éxito do evento. Para facerse voluntario cómpre consultar na web específica habilitada.

PUBLICIDADE