A edición número doce de GaliciaTIC, á volta da esquina

martes, 30 de setembro do 2014 Redacción

Será o 14 de outubro cando teña lugar unha nova edición do encontro GaliciaTIC, que se celebrará no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Lembrar que GaliciaTIC é un expoñente do avance do noso sector tecnolóxico-dixital e, tamén, plataforma de debate sobre as mellores solucións achegadas para a competitividade das empresas galegas e para o servizo do sector público. O obxectivo, en palabras da organización, “é amosar as tendencias máis actuais nas tecnoloxías TIC, dende o punto de vista da oferta global, que sexan de interese para o sector empresarial e profesional, e melloren a experiencia do cliente”.
Para iso propóñense unha serie de temas de gran actualidade que poidan atraer a atención do mundo profesional, empresarial e académico de Galicia arredor das TIC.
Emporiso, nesta edición de 2014 farase especial énfase en Big Data e na analítica intelixente, como base para a competitividade dos negocios, e o reto que supón Internet das Cousas, a Computación na Nube, o Negocio Social, como bases de novos modelos de actividade empresarial. Alén disto, abrangueranse temas como os aspectos de internacionalización (que tanto afectan ao tecido de empresas TIC de Galicia) e mesas sectoriais temáticas sobre tecnoloxías aplicadas a todo tipo de empresas, como corresponde ao carácter horizontal das TIC.
Cómpre informar que este ano pasarán polo evento -entre outros- investigadores do CITIC, que xa amosou o seu apoio á xornada noutras ocasións, e que participará desta volta na Mesa Temática 3, coordinada por Philips e baixo o título Connected Ligthing. A mesa tratará sobre sistemas innovadores de comunicación.
En representación do CITIC asistirá Luís Castedo Ribas, responsábel da Área Tecnolóxica de Comunicacións Sen Fíos do CITIC. As súas liñas de traballo céntranse no procesado de sinal para comunicacións sen fíos e no prototipado de equipos terminais de comunicacións.
Asemade, tamén se achegarán ao Galicia TIC: Santiago Julián, director de Desenvolvemento de Iluminación Urbana para España e Portugal en Philips Ibérica; Pablo Vázquez, responsábel de Innovación e Sistemas de Información no Concello da Coruña; e Paula Uría, xefa de Área de Xestión e Coordinación coas Administracións Públicas en IDEGA, Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE