A editorial de Superman pecha a porta á IA xenerativa

xoves, 9 de outubro do 2025 Marcus Fernández

Ilustración de Mattina na que se aprecia como a parte inferior do S no peito de Superman ten un elemento repetido, evidenciando que non foi debuxada artesanalmente

Jim Lee, presidente de DC Comics (editorial de personaxes como Superman, Batman e Wonder Woman) sorprendeu durante unha conferencia na New York Comic Con cunhas declaracións contra a intelixencia artificial xenerativa, reforzando a mensaxe que transmitiron o ano pasado ao retirar as portadas alternativas realizadas polo ilustrador Francesco Mattina tras detectarse claros indicios de que as súas ilustracións estaban feitas con IA xenerativa.
O responsable da editorial, ilustrador de grande prestixio, Jim Lee, asegurou que «É fundamental que o cómic siga evolucionando e cambiando, e que nós, os seus coidadores, fagamos o mesmo. Enfrontámonos a un futuro inquietante, un futuro no que se albiscan moitas nubes de tormenta no horizonte. Desafíos como a escrita e a arte xeradas por intelixencia artificial, a redución da capacidade de atención, os personaxes que pasan ao dominio público e esa loita constante entre o dixital e o impreso. E velaquí a cuestión: cada época ten as súas avespas asasinas. Non sei se alguén nesta sala entende a referencia. Avespas asasinas. Cando eu era neno, nos anos setenta, dicíannos que enxames de avespas asasinas estaban a subir desde Suramérica para invadir e devastar o mundo. Evidentemente non aconteceu, pero fixo que pasase moitas noites sen durmir. Despois dixeron que o milagre económico do Xapón arrasaría con todos os seus rivais. Tampouco pasou. Logo foi o efecto 2000, despois os NFT, e agora é a intelixencia artificial. A historia ten unha forma moi particular de poñer as predicións no seu sitio. O futuro raramente resulta como os titulares nos advirten que será. Pero permitídeme facer unha predición da que si podo responder hoxe: DC Comics non apoiará a narración nin a arte xeradas por intelixencia artificial. Nin agora nin nunca mentres eu estea ao mando. Porque o que facemos e o motivo polo que o facemos están enraizados na nosa humanidade».
Lee matizou que «é esa conexión fráxil e fermosa entre a imaxinación e a emoción o que alimenta o noso medio, o que fai que o noso universo cobre vida. É a mente imperfecta, o risco creativo, o trazo feito a man que ningún algoritmo pode reproducir. E cando debuxo, cometo erros, moitos. Pero ese é o sentido. O borrón, a liña irregular, a vacilación. Iso son eu no traballo. Ese é o meu camiño. Iso é o que lle dá vida. É o resultado dun esforzo real, de inspiración e suor. Os seguidores saben isto. Percíbeno. Senten cando algo foi feito con coidado, cando lle custou ao artista tempo, enerxía, corazón e esforzo. As persoas teñen unha reacción instintiva ante o que lles resulta auténtico. Recúan con rexeitamento ante o que lles parece falso. Por iso a creatividade humana importa. A intelixencia artificial non soña. Non sente. Non crea arte. Limítase a agregala». Concluíndo finalmente que «o noso traballo como creadores, narradores e editores é facer que a xente sinta algo verdadeiro. Por iso creamos, e por iso seguimos aquí».
Estas declaracións do que actualmente é o editor de DC Comics poden tranquilizar a creadores e lectores, aínda que temos que entender que tampouco están escritas en pedra, xa que a sensibilidade do público cos contidos creados mediante IA pode mudar considerablemente nos vindeiros anos, e a industria da banda deseñada claramente actuará en consecuencia.

Panel de Jim Lee no que falou sobre a IA xenerativa en DC Comics