A elite mundial da criptografía cuántica xúntase esta semana en Vigo na QCrypt

martes, 3 de setembro do 2024 S. P.

A elite mundial da investigación e experimentación en criptografía cuántica participa esta semana en Vigo no 14th International Conference on Quantum Cryptography, QCrypt, un evento que, por primeira vez na súa historia, celébrase en España. Organizado pola Universidade de Vigo e o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, a cita arrincou a primeira hora deste luns no edificio Afundación coa asistencia de 330 investigadoras e investigadores, dos que preto do 90% son estranxeiros, maioritariamente chegados de toda Europa, pero tamén cunha ampla presenza de países como Estados Unidos, Canadá, China, Xapón, etc.
Son, segundo informaron a UVigo e o CESGA, “unha mostra dos expertos e expertas que día a día traballan por garantir a confidencialidade absoluta na transmisión de datos a través de Internet, un eido no que, dada a súa importancia, se están a realizar grandes investimentos, tanto públicos como privados.”
A inauguración do encontro correu a cargo do reitor, Manuel Reigosa, e dos docentes da Universidade de Vigo Marcos Curty, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e director científico do Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación AtlanTTic, e Davide Rusca, en representación do comité organizador. Os tres fixeron fincapé na “enorme satisfacción” que supón para a Universidade de Vigo traer a España un evento que, previamente, se celebrou en cidades tan importantes como como Zurich, Waterloo, Tokyo, Singapore, Cambridge, Paris, Shanghai, Montreal, Amsterdam, Taiwan ó Washignton DC.
Ademais de dar a benvida aos asistentes e facer pequenos anuncios organizativos, os responsábeis do encontro destacaron “o gran esforzo que se está a facer desde Galicia”, e “particularmente na UVigo, a través do Vigo Quantum Communication Center, para realizar investigación de excelencia en tecnoloxías cuánticas de comunicación”, exemplo disto son os 15 traballos de investigación realizados desde aquí no último ano que serán presentados nesta cita.
O programa do luns incluíu dúas charlas convidadas, unha delas impartida por un dos principais referentes internacionais neste eido, o profesor Hoi-Kwong, da Universidade de Toronto, Canadá.
Serán cinco xornadas -ata o venres 6- de intensa actividade, na que tamén se aproveitará para visitar as instalación do Vigo Quantum Communication Center ou realizar -o vindeiro xoves- unha sesión “industrial” liderada por un representante de Telefónica, na que tamén participarán representantes das principais empresas internacionais do sector.