A empresa galega Coinscrap triunfa en México coas súas ferramentas de IA
luns, 14 de xullo do 2025
A empresa galega Coinscrap vén de compartir os seus recentes e importantes fitos no mercado mexicano, grazas ás súas ferramentas avanzadas de Intelixencia Artificial e grazas tamén ao apoio do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica Galicia Avanza, que ten en marcha a súa cuarta edición (na que se seleccionaron 30 empresas de toda a comunidade) novamente impulsada pola Consellería de Economía, o IGAPE e a Tecnópole.
As empresas beneficiarias de Galicia Avanza están a participar nun programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. É o caso da fintech Coinscrap Finance, que emprega a tecnoloxía para ofrecer solucións financeiras de maneira innovadora e eficiente. Naceu coa intención de axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen esforzo a través de aplicacións de microaforro e, desde a súa creación, os seus promotores xa desenvolveron diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira. Na actualidade, a firma está en fase avanzada de expansión por Latinoamérica, cunha presenza moi destacada en México.
A compañía galega conta cun motor de Intelixencia Artificial propio, denominado COCO, que foi adestrado con miles de millóns de transaccións. Segundo os seus creadores, “esta ferramenta ofrece un 95% de precisión na categorización do consumo bancario e dispón de todo un ecosistema de solucións que permiten detectar patróns e automatizar recomendacións, de xeito que os bancos poden hiperpersonalizar a súa oferta de produtos e servizos en tempo real, desde estratexias de aforro ata préstamos adaptados a cada perfil de cliente”.
Dende Galicia Avanza sinalan que no caso de México, país cuns 86 millóns de usuarios na banca dixital, Coinscrap “estase a consolidar como o aliado estratéxico” das entidades que buscan adaptarse ao auxe dos neobancos -que operan exclusivamente a través de canles dixitais- e as finanzas xenerativas. “Un 65% dos mozos mexicanos xa prefiren os neobancos, debido á axilidade, personalización e baixos custos destas entidades. Pola súa parte, as finanzas xenerativas permiten analizar e descifrar grandes volumes de datos, descubrir patróns e tendencias que doutro xeito pasarían desapercibidas e, polo tanto, anticipar as necesidades financeiras de cada usuario e deseñar solucións a medida”, indican desde a empresa.
Con máis do 45% dos adultos en Latinoamérica sen acceso a servizos financeiros, ferramentas como o pre-scoring crediticio (proceso preliminar de avaliación que realizan as entidades financeiras para determinar a viabilidade de outorgar un crédito) son “clave para pechar esta brecha”, indican dende Galicia Avanza, engadindo que “a tecnoloxía desenvolvida pola fintech galega permite avaliar a persoas sen historial crediticio formal a partir de pagos de servizos, transferencias e outros comportamentos financeiros; o que contribúe á inclusión financeira da poboación”.
