A empresa galega Manfred recibe o premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG

xoves, 12 de maio do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar o nome do proxecto destinatario da edición 2022 do seu Premio Iniciativa Emprendedora, que se entregará no marco da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O galardón irá dar á compañía de recruiting ou de recursos humanos especializada no sector tecnolóxico, a galega Manfred.
Segundo destaca o colexio, Manfred nace “coa intención de axudar aos profesionais do sector tecnolóxico a xestionar a súa carreira profesional e poñer en contacto ao mellor talento coas empresas máis innovadoras, empregando unha ferramenta que permite crear o CV e sincronizalo en múltiples plataformas online de forma automática, ofrecendo un maior control sobre os datos”.
A Noite
Como dixemos, este e outros premios entregaranse no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. “O evento”, explican dende a organización, “é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector”.
Os premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
Máis datos de Manfred
Manfred foi fundada en 2019 polo emprendedor David Bonilla Fuertes (Madrid, 1977), a piques de rematar o seu grao en Enxeñaría en Informática. O obxecto foi cambiar por completo o mundo do recruiting, aportando transparencia e humanizando o mesmo. O CPEIG salienta que se ben “a aposta foi arriscada, esta demostrou ser acertada, posto que, apenas tres anos despois, o proxecto medrou até acadar un cadro de persoal de 40 persoas e facturar máis de 2 millóns de euros ao ano, competindo en certa maneira co xigante de LinkedIn”. En palabras do propio David Bonilla, “hoxe máis de 15.000 desenvolvedores e desenvolvedoras de todo o mundo confían a súa carreira profesional a Manfred, unha empresa que, desde o primeiro día, asina todas as súas comunicacións cun orgulloso Made with ❤ and sentidiño in Galicia, Spain".
Currículo dixital universal
O CPEIG destaca tamén que Manfred creou o currículo dixital universal, un só arquivo para todas as plataformas, sen longos rexistros. “Por todos é sabido que buscar traballo en Internet ten o gran inconveniente de que a maioría de plataformas de emprego piden que o solicitante se rexistre e cubra manualmente todos os campos relacionados coa experiencia laboral, a formación, o porfolio e as habilidades complementarias, como os idiomas”, sinala o colexio, engadindo que Manfred “decidiu crear un currículo open source que se pode sincronizar con múltiples plataformas de emprego desde un arquivo en formato JSON aloxado no repositorio do usuario en GitHub”.
Bonilla explica que “a orixe dos datos que comparte o interesado estará na súa propia máquina, desde a cal poderá cortar o acceso á web que desexe cando queira, o que fará que sempre teña o control sobre a súa información persoal e que o peche dunha plataforma non lle faga perder todo o contido que envorcou nela”. Así mesmo, con este sistema, ao estar interconectado desde o repositorio do usuario, cada cambio que se realice nun sitio web plasmarase automaticamente nos demais e gardarase o arquivo JSON do profesional.

PUBLICIDADE