A empresa galega Teimas lanza Zero Autumn Release 2023

venres, 20 de outubro do 2023 S. P.

Teimas, firma galega centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a xestión profesional de residuos e a economía circular, vén de lanzar Zero Autumn Release 2023, unha versión mellorada do seu software Zero co que a compañía quere “axudar ás empresas para cumprir coas normativas de sustentabilidade e protexer o medio ambiente”.

Segundo explican dende Teimas, na actualidade “as empresas convertéronse en actores imprescindíbeis para protexer os recursos, o medio ambiente e a saúde das persoas”. Isto, engaden dende a empresa con sede en Santiago, acontece nun contexto en que moitas políticas, tanto nacionais como internacionais, impulsan a dixitalización da xestión de residuos a través de solucións tecnolóxicas que ofrecen datos correctos e completos que xeran impactos reais. Así, para “axudar ás grandes corporacións a facer fronte a este cambio na mentalidade e funcionamento empresarial”, Teimas lanzou ao mercado en 2018 Zero, unha plataforma de xestión na nube co que as empresas optimizan a súa xestión de residuos, asegúranse cumprir coa normativa vixente e conseguen axilizar a preparación de inspeccións, auditorías e memorias de sustentabilidade.

“Grazas a Zero, as empresas dispoñen, nun único lugar, de toda a información sobre a xestión dos seus residuos, o que facilita a consulta histórica de datos e a creación de informes”, explican os responsábeis da firma galega, engadindo que a plataforma utiliza “tecnoloxía de cadea de bloques, Blockchain, para controlar os movementos dos residuos xerados, o que permite certificar a súa rastrexabilidade”.

Con Zero, explica Teimas, “as multinacionais conseguiron controlar a xestión dos seus residuos, un labor imprescindíbel para cumprir coa aplicación da futura normativa europea de adaptación da directiva sobre dilixencia debida en materia de sustentabilidade”.

Iago Elizechea, co-fundador de Teimas

En palabras de Iago Elizechea Mateos, CTO e socio fundador de Teimas, “con esta nova actualización, as compañías tamén poderán, entre outras cousas, recibir datos procedentes doutras aplicacións de software (empregadas por xestores, axentes, negociantes, etc.), o que permitirá axilizar trámites e reducir tempos de carga de datos”.

Outras importantes novidades que inclúe a nova versión Zero Autumn Release 2023 é que permite introducir información de abonos ou cargos asociados aos traslados de residuos e, tamén, que a partir de agora, as empresas poderán incluír tarifas por cada tipo de residuo ou por grupo de residuos, o que axudará ás compañías para coñecer e controlar mellor os datos económicos asociados.

Ademais, con esta actualización de Zero, as empresas poderán tramitar a documentación legal de residuos non só en España se non tamén en Portugal, a través da plataforma, e empregar un documento propio de rastrexabilidade de residuos no resto de países.

PUBLICIDADE