A empresa tecnolóxica Hyliacom, premiada nos Premios Ferrolterra Emprende

xoves, 12 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Finalmente AJE Ferrolterra entregou hoxe os seus Premios Emprende, destinados a pór de relevo as contribucións máis importantes en materia de innovación, emprendemento, emprego das novas tecnoloxías e novo empresariado. A concesión dos galardóns, que tiveron un claro compoñente TIC, celebrouse na sede da Fundación Exponav, onde fixeron acto de presenza unha chea de representantes do tecido empresarial ferrolán. Recoñeceuse na gala o bo facer e o empuxe de Hyliacom, Waves, DromoSport e Ilusionarte.
Na gala dos premios, que contaron co patrocinio de grandes firmas e entidades con presenza na nosa terra (IESIDe, Abanca, Gadis, Cocacola, Cándido Hermida, Exponav, Ortega Oil, Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Concello de Narón e Deputación da Coruña), participaron o presidente de AJE Ferrolterra, Luis González Rey, o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Os galardóns, que repartiron nesta súa sexta edición 20.000 euros entre as firmas distinguidas, foron dar a (Premio Empresario Novo) Hyliacom, axencia de comunicación centrada nun amplo abano de servizos: desenvolvemento de aplicacións a medida para iOS e Android, desenvolvemento web, xestión de tendas en liña, planificación de mercadotecnia dixital, creación de contidos ou realización de eventos, entre outros; e a Waves, que recibiu o Premio Iniciativa, e que centra o seu día a día en comercializar lentes de sol e outros artigos a través da súa canle principal de venda, www.waves-company.com. Polo que respecta ao Accésit á Innovación, recaeu en DromoSport, que é un comercio con canle de venda online especializado na venda de rodas de ciclismo de competición de gama media-alta e produtos relacionados (pneumáticos, accesorios, utensilios de montaxe, pezas de recambio, ferramentas de reparación, etc.). Por último, o Accésit ás Novas Tecnoloxías recoñeceu o labor de Ilusionarte, empresa de servizos artísticos, formación e e lecer, constituída por profesionais do lecer, a animación e a maquillaxe artística.

PUBLICIDADE