A empresa tecnolóxica Keldai impulsa a IA galega coa incorporación de PhotoILike

venres, 18 de xullo do 2025 S. P.

A empresa tecnolóxica galega Keldai vén de adquirir unha participación maioritaria en PhotoILike, startup especializada no uso da Intelixencia Artificial para a análise do atractivo visual de imaxes inmobiliarias. Esta integración reforza o posicionamento de ambas as dúas compañías no mercado e marca un paso estratéxico para a expansión de PhotoILike máis aló do sector inmobiliario.
Como lembraremos, PhotoILike é unha spin-off que naceu no ano 2021 no seo da Universidade da Coruña, co apoio da súa Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) e da convocatoria IGNICIA Proba de Concepto da Xunta. Fundada polo investigador Juan Romero (premiado como Mellor Investigador Europeo en Intelixencia Artificial no ano 2021), a firma converteuse nun referente na aplicación de algoritmos para mellorar o rendemento de anuncios inmobiliarios, logrando incrementar de xeito significativo os clics, leads e conversións fronte a imaxes editadas manualmente.
Entre as súas ferramentas destacan AutoAd, un sistema que organiza automaticamente as imaxes dos anuncios para maximizar o seu impacto visual, e PhotoImprove, que optimiza a calidade das fotografías mediante filtros intelixentes.
A súa tecnoloxía procesou millóns de imaxes e foi recoñecida cun galardón na II Edición dos Premios Solvia PropTECH, que distingue as empresas máis innovadoras do sector inmobiliario.
Jacobo Pruschy, director executivo (CEO) de Keldai, afirmou que “esta integración permítenos sumar o talento técnico e creativo de PhotoILike, unha empresa que representa a excelencia universitaria galega e o potencial transformador da IA. Xuntos podemos ofrecer solucións intelixentes a múltiples sectores, cunha base sólida en datos e imaxes”.
Pola súa banda, Manuel Pérez García, director executivo (CEO) de PhotoILike, destacou que “este avance con Keldai consolida o traballo que viñemos desenvolvendo nos últimos anos e impúlsanos a escalar a nosa tecnoloxía a novos mercados e sectores máis aló do inmobiliario”.
A compañía Keldai, fundada en 2024, está especializada en solucións de IA personalizadas para diversos sectores, cun enfoque en resultados rápidos, seguros e eficientes.