A entrada do poeta Francisco Añón incorpórase ao Álbum de Galicia, que chega ás 115 entradas
mércores, 24 de abril do 2024
Xurxo Martínez González vén de achegar unha nova entrada á enciclopedia web de persoas galegas Álbum de Galicia, impulsada polo Consello da Cultura de Galicia. Trátase da sección adicada a un dos grandes autores do Rexurdimento: Francisco Añón.
Francisco Añón (Boel, Outes, 1812 – Madrid, 1878) acadou un gran recoñecemento público como poeta de Galicia no século XIX cunha produción lírica que oscilou entre o costumismo ou tipismo e o compromiso patriótico, social e político. Premiado nos primeiros Xogos Florais da Coruña, erixiuse como “unha voz inaugural do Rexurdimento”, subliña Xurxo Martínez González. El é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
Nado no seo dunha familia labrega, Francisco Añón formouse primeiro en Filosofía e Teoloxía e, despois, en Xurisprudencia na cidade de Santiago de Compostela. “Este período trazou o rumbo da súa vida”, indica Xurxo Martínez na súa entrada, engadindo que Añón integrouse na Academia Literaria de Santiago e comezou a publicar os seus primeiros textos tanto en diferentes cabeceiras.
O autor da súa biografía destaca tamén que Francisco Añón resultou vencedor dos primeiros Xogos Florais da Coruña (1861) cun texto titulado A Galicia, publicado posteriormente no Álbum de la Caridad xunto con outros dos seus poemas. Xunto con este volume, a obra de Añón, “dispersa en xornais e álbums de difícil acceso”, foi publicada en forma de colección polo diario vigués La Concordia no mesmo ano do seu falecemento.
“Porén, se algo o fixo inmortal foi O divino sainete (1888), de Manuel Curros Enríquez”, sátira en que Añón “exerce de guía e de vello mestre”, afirma Xurxo Martínez. Foi esta “unha homenaxe que traspasou o grosor do tempo”, continúa, á que se uniron outras como a que lle realizou a Real Academia Galega en 1928 ou o seu nomeamento como escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1966.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea do CCG é “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia”.
A día de hoxe, conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de Fernando Fraga Rodríguez, Antonio Naveyra, María Cardarelly e María Xosé Rouco Lamela.
As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.