A enxeñeira Sabela Ramos recibe o Premio Ada Byron do CPEIG

martes, 13 de outubro do 2020 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) deu a coñecer este martes 13 o nome da investigadora-tecnóloga que este ano vai ser recoñecida co Premio Ada Byron, destinado a visualizar as importantes contribucións das mulleres no eido TIC, que será entregado no marco da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Este 2020 o recoñecemento devandito irá dar a mans da enxeñeira en Informática Sabela Ramos Garea. O anuncio coincide coa celebración do Día Internacional Ada Lovelace que se conmemora este martes 13 de outubro para enxalzar os logros das mulleres en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) e alentar ás novas xeracións de rapazas a realizar estas carreiras profesionais.
Quen foi Ada Lovelace
Ada Lovelace foi unha escritora e matemática británica (1815-1852), considerada a primeira programadora informática da historia ao describir a máquina analítica de Charles Babbage. Como autora do que se considera o primeiro algoritmo da historia, a tamén chamada Ada Byron deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.
A Noite
A gala do colectivo galego de enxeñeiras e enxeñeiros en Informática celebrarase o vindeiro 30 de outubro no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
Sabela Ramos
Sabela Ramos (Padrón, 1986) é enxeñeira en Google Research onde traballa actualmente en ferramentas para Reinforcement Learning –aprendizaxe por reforzo–, unha rama do Machine Learning. Antes de traballar en Google, Sabela obtivo o seu doutoramento en Computación de Altas Prestacións na Universidade da Coruña (UDC) e realizou un posdoutoramento na Escola Politécnica Federal de Zúric (ETH Zúric) onde investigou para crear modelos matemáticos do rendemento de microprocesadores.
A enxeñeira, natural de Padrón aínda que residiu gran parte da súa vida en Cee, confesa que desde sempre lle gustou a informática, “un eido moi amplo no que sempre atopas problemas novos que aínda non teñen solución e no que tes que estar continuamente aprendendo”.
Cando comezou o seu doutoramento na UDC, Sabela Ramos tiña pensado dedicarse á investigación para seguir buscando problemas sen resolver. Pero mentres cursaba unha bolsa posdoutoral na dita cidade suíza decatouse de que a súa investigación estaba moi afastada das aplicacións reais e, aínda que cre firmemente no valor da investigación, apostou por traballar en algo que tivese “un impacto máis directo na vida real”.
Actualmente, e despois de tres anos traballando en YouTube, volveuse a achegar á investigación nun equipo de infraestrutura de Google Research, onde as súas funcións lle permiten a outros investigadores avanzar en campos como o Reinforcement Learning.
Ademais, Sabela Ramos forma parte do colectivo Google Women in Engineering, onde se estimula a presenza feminina no sector TIC. A profesional considera que “actualmente a informática segue sendo unha profesión na que o número de mulleres é moi baixo”. Segundo fai saber, “hai datos que nos din que aos nenos se lles anima a seguir unha profesión técnica e que ás nenas fáltalles referencias que lles fagan sentir que o sector TIC é un campo no que poden ter éxito” –indica–. Destaca tamén que moitas mulleres tenden a abandonar as carreiras técnicas en maior porcentaxe que os homes. “Hai que crear unha cultura de inclusión no espazo de traballo que permita que se aborden estes problemas e que todos sexamos conscientes de que existen. Non só son problemas que afectan ás mulleres, tamén a outros grupos con menor representación nas profesións TIC. Un entorno inclusivo no que se valora a diferencia fai que todos nos sintamos máis a gusto no noso traballo e sexamos máis produtivos”, conclúe.

PUBLICIDADE