A escudería UVigo Motorsport dá forma a un revolucionario monopraza de altas prestacións

luns, 28 de novembro do 2022 S. P.

A escudería UVigo Motorsport é un proxecto universitario formado por estudantes de diferentes titulacións da Universidade de Vigo. O obxectivo principal desta asociación é deseñar, fabricar e operar un monopraza de altas prestacións, orientado para competir contra outras universidades na categoría de Formula Student ou FSAE, que ten lugar cada ano en diferentes citas nalgúns dos circuítos máis importantes de Europa.
Durante o pasado verán, o seu último monopraza, o UM22, participou na Formula Student East, no mítico Hungaroring, só uns días despois de celebrarse o Gran Premio de Hungría de F1, e na Formula Student Spain, no circuíto de Castellolí, competición na que obtivo un 3º posto no Business Plan Presentation, e un 5º posto na Endurance, a proba máis dura de todas.
Actualmente a escudería está formada por ao redor de 80 membros que abranguen diferentes titulacións da UVigo, tanto do eido da enxeñaría, como de moitos outros, dando lugar a un equipo moi multidisciplinar. Dende hai varios anos, foi cobrando importancia dentro do equipo a súa sede no Campus de Ourense, na que a presencia tanto de empresas comprometidas co proxecto, como de escolas e facultades como a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeroespacial, axudaron á creación e expansión desta segunda sede do equipo.
Por parte de UVigo Motorsport explican que a Formula Student non “é só unha competición de automobilismo ao uso, senón que ante todo, é unha competición de enxeñaría”. Os representantes do equipo nas competicións non só deben lograr que o monopraza obteña os mellores tempos, senón que deben demostrar os seus coñecementos sobre o coche e os avances obtidos no deseño e a fabricación do mesmo. Para isto, un conxunto de xuíces con experiencia no mundo da automoción avaliarán a profundidade dos coñecementos sobre os procesos de fabricación das diferentes partes do vehículo, así como os conceptos e técnicas aplicadas na etapa de deseño.
Este coñecemento obtense co día a día da escudería, probas dinámicas do monopraza, axustes do set-up, simulacións ou mapeo de motor son labores que o equipo realiza de forma continua para sacar o máximo rendemento ao seu coche.
De xeito simultáneo, o equipo dedica esforzos a investigacións de maior envergadura, co obxectivo de obter grandes melloras tanto nos resultados dinámicos, como nas probas estáticas. Entre algúns dos proxectos de investigación nos que traballa o equipo, destacan a implementación de comunicacións mediante CAN-Bus, a creación dunha telemetría en tempo real, ou o desenvolvemento dun coche completamente autónomo, tres proxectos ambiciosos, de gran complexidade técnica.
Para o avance destas investigacións, resultará de gran utilidade para UVigo Motorsport o novo laboratorio creado na Escola Superior de Enxeñaría Informática dentro do proxecto Interreg POCTEP NovaTFE, dotado con equipos de alto rendemento capaces de levar a cabo grandes simulacións, ou de deseñar e adestrar intelixencias artificiais.
Este laboratorio, así como o proxecto NovaTFE, está deseñado co obxectivo de achegar a innovación e a investigación ás pemes de Galicia e o norte de Portugal, mediante a implementación de tecnoloxías de última xeración de maneira accesible.
O acceso ao proxecto NovaTFE permitirá a UVigo Motorsport levar a cabo investigacións non só no eido da informática ou o cálculo computacional, senón tamén no desenvolvemento de materiais dentro do entorno da Industria 4.0, así como a robótica ou a automatización.

PUBLICIDADE