A exposición Mundo Expandido chegará á Cidade da Cultura en febreiro

luns, 19 de xaneiro do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia e a Fundación Telefónica exhiben desde febreiro no Museo Centro Gaiás a exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual, unha proposta que convida a reflexionar sobre os límites entre a realidade material e a simulación dixital, explorando a pulsión humana por crear e habitar mundos virtuais.
A través dun percorrido por máis de 80 pezas, a mostra reúne instalacións inmersivas, videoxogos, aplicacións de realidade aumentada e obras de artistas nacionais e internacionais. O itinerario complétase con obxectos históricos dos séculos XVIII e XIX que xa experimentaban coa tridimensionalidade, como a caixa óptica, o diorama ou os visores estereoscópicos.
Mundo expandido propón afondar no impacto da creación de mundos e avatares virtuais e nas súas implicacións éticas, filosóficas, legais, sociais e económicas. A globalización, a hipervixilancia, a desigualdade, as identidades dixitais ou a organización social e os códigos de conduta nas comunidades virtuais son algúns dos temas de plena actualidade que atravesan unha exposición centrada nunha sociedade situada entre o real e o virtual.
Trátase dun proxecto da Fundación Telefónica que se puido ver inicialmente na súa sede en Madrid entre novembro de 2023 e maio de 2024, e que posteriormente itinerou ao Perú, con exhibición no Museo de Arte de Lima entre xuño e novembro de 2024. A súa chegada ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura supón a primeira itinerancia en España desta mostra.

Programación da Cidade da Cultura en 2026

Mundo expandido. Entre o físico e o virtual inaugúrase no Gaiás o vindeiro 4 de febreiro e constitúe a primeira gran novidade expositiva do Museo Centro Gaiás en 2026. A exposición poderá visitarse con entrada de balde ata o 30 de agosto e contará cun programa de visitas guiadas e actividades didácticas, especialmente dirixidas ao alumnado galego, para abordar os contidos desde unha perspectiva adaptada aos currículos escolares.
Así mesmo, no marco do programa Gaiás Inspira, desenvolverase unha programación específica de actividades lúdicas e divulgativas, tanto para público adulto como infantil e xuvenil, concibidas para facer das salas do Museo un espazo vivo, aberto á participación e á aprendizaxe compartida.
Mundo expandido. Entre o físico e o virtual inscríbese na liña de traballo da Cidade da Cultura arredor da tecnoloxía e das artes dixitais, un ámbito prioritario da programación cultural do Gaiás no que tamén se integra a creación do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, infraestrutura que iniciará a súa actividade na segunda metade deste mesmo ano.