A fabricación dixital, a creatividade e a innovación, eixes da Pont-Up Store 2017

venres, 8 de setembro do 2017 Redacción

O evento Pont-Up Store 2017 vai ser o referente galego e estatal do emprendemento innovador este mes de setembro. Por que motivo? Pois para comezar, porque máis de corenta empresas amosarán os seus produtos e servizos (sobre todo no recinto da Praza de España) e, tamén, porque o programa vai incluír preto de 40 actividades, entre obradoiros, seminarios, coloquios e encontros. A maiores, no roteiro participarán arredor dun cento de especialistas en emprendemento. A nivel de cobertura urbana, sinalar que estas actividades desenvolveranse nunha ducia de emprazamentos da cidade. Amais da devandita Praza de España, as salas de exposicións da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación de Bens Culturais acollerán presentacións de propostas empresariais innovadoras. Máis polo miúdo, nestas salas celebrarase (a partir do día 19) un fablab con diferentes obradoiros e coloquios sobre fabricación dixital e creatividade.
A cuarta edición da Pont-Up Store 2017 celébrase entre o 21 e o 23 de setembro e vén novamente da man do Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) no marco do proxecto e especialización CREA S2i. Amais, cóntase coa colaboración de tres ducias de empresas e institucións, co Concello como patrocinador principal.
O programa definitivo do evento foi presentado este 7 de setembro polo seu director, Pedro Figueroa, acompañado polo vicerreitor do Campus, Juan Manuel Corbacho; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e o deputado provincial de Economía, Carlos López Font. Corbacho e Figueroa salientaron o poder de convocatoria da feira e o seu carácter multidisplinar. De feito, destacaron, “ten capacidade para xuntar empresas de múltiples sectores, desde a moda, a alimentación ou ecoloxía, ata o deseño gráfico, a educación e as novas tecnoloxías da información, outorgando ademais un “papel moi importante á economía social", como salientou o director dun evento que reúne a emprendedores de toda Galicia e no que “máis do 33% dos proxectos proceden das vilas e do rural”.
Como dixemos, Pont-Up Store terá como núcleo o recinto da Praza de España no que, os días 22 e 23, as 41 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria seleccionadas de entre máis de 120 candidaturas, amosarán á cidadanía os seus produtos e servizos. Farano nos 36 stands cos que contará este recinto e a través de diferentes actividades de dinamización, que abranguen propostas como a arte floral, o álbum ilustrado ou a cata de cervexas, así como no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores presentarán o seu proxecto empresarial a perante directivos de compañías galegas referenciais.
A carpa verase complementada cun recanto de foodtrucks, tanto de emprendedores seleccionados como da PonteVan, promovida por diferentes institutos da cidade, así como pola súa prolongación nas salas de exposicións do edificio que comparten Belas Artes e Restauración. Segundo se fixo saber na presentación instalarase nas salas un fablab que arrincará a súa actividade o mércores 19 co obradoiro de creatividade e fabricación dixital Fabricando cidade, cuxos resultados exporanse o venres 22. A esta iniciativa súmanse ademais talleres de fabricación dixital e robótica, coloquios e un obradoiro para docentes e familias.
O evento quecerá motores o día 21 cunha sesión de networking sobre economía social na Casa das Campás organizada pola Unión de Cooperativas Espazocoop. Amais disto, está programado un seminario de mercadotecnia dixital, na sede de AJE Pontevedra; dous coloquios promovidos polas cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e Santiago; un obradoiro sobre posicionamento en internet, promovido pola Deputación, e o encontro Familias Creativas, organizado por Equipo Sequoia.
O venres 23 o recinto do evento será a sede dunha sesión de networking das e os emprendedores participantes, un obradoiro sobre economía social para nenos de 6 a 10 anos, promovido pola rede Eusumo, así como de diferentes actividades de dinamización. A estas súmanse a celebración do Puntazo Express no Museo, a sesión formativa Preparado para a inversión?, que ABANCA celebra no Café Moderno, e a presentación dunha plataforma de venda de empresas que traballan con criterios sociais e éticos en Belas Artes.
Lembrar tamén que o evento Pont-Up Store foi seleccionado por diferentes colectivos para promover os seus encontros, como o que celebrará a comunidade WordPress de Pontevedra en Belas Artes, e as actividades que a Asociación Galega de Méntoring (Amces), desenvolverá o sábado no Liceo Casino. Nesa xornada de clausura, ademais, terá lugar unha nova edición da Xincana Bike, dirixida promover o traballo en equipo e a cooperación entre nenos e nenas de ata 14 anos.

PUBLICIDADE