A factura electrónica e o sistema Verifactu centra un novo seminario en liña da Camara de Santiago

mércores, 30 de outubro do 2024 S. P.

A Cámara de Santiago vai organizar este mes de novembro unha nova actividade formativa de transformación empresarial, destinada a axudar ás pemes a dixitalizarse e tirar o máximo proveito das novas ferramentas. Trátase do seminario en liña A factura electrónica e o sistema Verifactu (programa Kit Dixital). Será ás 10.00 horas do 6 de novembro.
A xornada comezará cunha presentación da Oficina Acelera Peme, impulsada na contorna de Compostela por Red.es coa colaboración da Cámara de Santiago, e proseguirá abordando conceptos como o significado da factura electrónica, quen está obrigado a empregala e a súa normativa. Máis tarde porase o foco no sistema Verifactu, ilustrando o seu modo de funcionamento e como se pon en marcha nunha empresa. Haberá tamén unha rolda de preguntas. Os contidos serán impartidos por Miguel Ángel Areám Miguez, experto no sector TIC, consultor e conferenciante, e por Iago Ben Otero, delegado de Esquio Enxeñería en Santiago, ademais de coordinador de proxectos TIC e responsábel comercial de área compostelá. Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.