A feira EmpregoInCampus porá en contacto o alumnado da UVigo con empresas TIC
martes, 25 de marzo do 2025
Co obxectivo de facilitar os primeiros achegamentos do alumnado ao mundo laboral, a Universidade de Vigo volverá celebrar esta primavera as súas feiras EmpregoInCampus, un evento nado en 2022 que xunta baixo un mesmo teito tituladas/os e estudantes dos últimos cursos con empresas colaboradoras que están buscando talento nas aulas. A cita no campus de Vigo será o 3 de abril, nas facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Ciencias Económicas e Empresariais, e o 9 de abril en Ourense, no Pavillón Universitario de deportes. A data para esta cita no campus de Pontevedra está aínda por definir. Participarán empresas e entidades referentes das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como a firma compostelá Balidea, a ourensá Redegal ou o Centro Tecnolóxico Gradiant. Tamén estarán puxantes empresas aeroespaciais como Alén Space ou Aertec Solutions.
Máis de 100 empresas rexistradas
A organización explica que “a finalidade destas tres feiras é brindar á comunidade universitaria a oportunidade de coñecer de primeira man as oportunidades profesionais que ofrecen as máis de 100 entidades xa rexistradas procedentes de moi diversos sectores e contactar directamente cos seus responsables de selección”. Xunto coa visita aos postos, durante a feira desenvólvense varias actividades complementarias. Por unha banda, as persoas visitantes terán á súa disposición o Pasaporte de Empregabilidade, un espazo no que poderán recibir asesoramento sobre o seu CV e facerse unha foto de calidade para o seu CV ou redes sociais profesionais. Tamén se poderán entregar currículos ás empresas a través dun código QR que se xerará no momento de facer a inscrición.
A directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, convida tanto a alumnado como a recentes titulados e tituladas a achegarse a estas feiras, e lembra que non é “unha actividade que implique a inversión da xornada enteira, basta con que se rexistren previamente na web, preparen o seu CV e se pasen a visitar aqueles postos que resulten do seu interese”. E engade: “Trátase dunha oportunidade única en todo o curso académico e non todas as universidades teñen o privilexio de poder organizar”. Conta coa colaboración do Consello Social, Eures e o Campus da Auga.
Antes da celebración das feiras, as persoas participantes poderán preparar a súa candidatura nun dos obradoiros organizados con este fin. Ademais, as persoas interesadas poderán asistir, de balde e unha vez realizada a inscrición, ás actividades organizadas desde o Foro Talento-Fundamental.
A primeira cita da xeira das feiras EmpregoInCampus deste 2025 será no Campus de Vigo o vindeiro 3 de abril, entre as 10.00 h e as 18.00 horas nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Ciencias Xurídicas e do Traballo. O alumnado interesado, que pode inscribirse a través da ligazón habilitada, atoparase con empresas como ADECCO, Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Avícola de Galicia, Baltar Abogados, Banco de España, BDO Auditores, Codisoil, Decathlon, Deloitte, Forvis Mazars, Fundación Impulsarse, Garrigues, Grupo Profand, Occident Mediación ou Redegal, entre outros.
A seguinte semana, concretamente o día 9 de abril, EmpregoInCampus trasladarase ao campus de Ourense, con postos informativos e actividades no Pavillón Universitario de Deportes de 10.00 a 18.00 horas. Nesta cita, na que xa se poden inscribir, participarán empresas como Aceites Abril, Aertec Solutions, Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Alén Space, Arias Avogados, Atelier Social, Balidea, CEESG, Centro se Desenvolvemento Rural O Viso, Centro Penitenciario Pereiro se Aguiar, Codisoil, Coren, Gradiant, LexAuria, Ministerio de Defensa ou Uría Menéndez Abogados, entre outras compañías e entidades.
No que atinxe ao Campus de Pontevedra, Álvarez avanza que a idea é “repetir a modalidade que se fixo o ano pasado, con mesas redondas sobre saídas profesionais en ámbitos específicos”. A cita será a finais do mes de setembro.