A feira Pont-Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas para a súa décima edición

xoves, 8 de xuño do 2023 S. P.

Este venres 9 de xuño ábrese o prazo de presentación de candidaturas para participar na décima edición do Pont-Up Store, que é en palabras do Campus de Pontevedra,“o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular”. Desenvolverase os días 29 e 30 de setembro na cidade do Lérez. Contará con 25 stands gratuítos no recinto da praza de España.
Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado polo grupo de investigación G4P Plus Desenvolvemento Estratéxico: organizacións e territorios e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, este evento achega aos novos emprendedores e emprendedoras a posibilidade de dar a coñecer os seus produtos e servizos. Nesta décima edición disporán de dúas modalidades para facelo, a través do 35 stands gratuítos que se instalarán no recinto da Praza de España e do evento Pont-Up Exprés, no que dez novos emprendedores e emprendedoras presentarán os seus proxectos a representantes do tecido empresarial galego.
Aberto a proxectos de emprendemento “innovador e creativo”, que leven en funcionamento menos de tres anos e medio (42 meses) ou que se atopen nunha “fase moi avanzada de desenvolvemento”, o prazo de presentación de candidaturas para estas dúas modalidades de participación permanecerá aberto desde este venres ata o 9 de xullo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, a innovación e creatividade do proxecto, o seu valor social, a súa sustentabilidade, o seu potencial económico ou social e a capacidade de desenvolvemento futuro.
Nesta décima edición, o Pont-Up Exprés contará cun xurado integrado por Luis López-Boado, director xeral de Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez, responsable de deseño de Finsa, e Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop.
A nova edición da feira porá foco no ámbito dos videoxogos, grazas á colaboración de Gaming Troop e á organización do Encontro Indie Galicia – Galicia Indie Summit, promovido pola profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación Beatriz Legerén. Trátase dun evento dirixido a dar visibilidade á industria do videoxogo galega, que visualizará as producións independentes.

PUBLICIDADE