A feira Pont-Up Store mostrará ante o mundo medio cento de proxectos

martes, 23 de xullo do 2019 Redacción

A feira de emprendemento innovador de Pontevedra, a Pont-Up Store, vai contar nesta sexta edición con preto de 50 iniciativas que mostrar ao mundo (dun total de 168 candidaturas). En total, 46 proxectos, o que representa un incremento do 17% con respecto á anterior edición. Este ano, destaca a cantidade de empresas de nova creación que artellan solucións para reducir a pegada ecolóxica desde múltiples ámbitos, así como as iniciativas para activar o rural galego, que suman un terzo do total de propostas presentadas.
No que está considerado como o maior encontro do novo emprendemento en Galicia, 34 do total de 46 iniciativas seleccionadas contarán con postos gratuítos para amosar os seus produtos, ideas e servizos e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, con propostas como mercadotecnia olfativa, probas con vehículos eléctricos, sesións de formación científico-tecnolóxica para a mocidade, un taller de maxia, un obradoiro de panadería artesá e unha proposta práctica sobre como reducir o consumo de residuos plásticos. Pola súa banda, dez emprendementos participarán no Puntazo Exprés, onde terán a oportunidade de explicar en cinco minutos cadansúas propostas perante executivas e executivos de grandes empresas e entidades galegas.
O docente e investigador da Universidade de Vigo e director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, explicou que “nesta edición volvemos constatar un importante incremento na cantidade e calidade dos emprendementos que presentaron candidatura, tanto no seu carácter innovador como no potencial de desenvolvemento”.
En canto á procedencia das candidaturas, Figueroa sinala que “o Pont-Up Store consolídase como o referente do novo emprendemento en Galicia cun terzo das candidaturas procedentes de fóra das sete grandes cidades galegas, o que é indicativo da boa saúde das dinámicas emprendedoras nas vilas e no rural galego”.
Entre as empresas especificamente orientadas á sustentatibilidade destacan: Huella Menguante, unha tenda online de produtos de uso diario orientados a reducir os residuos plásticos; Beflamboyant, fabricante de zapatillas veganas; eezon E3, fabricantes de scooters eléctricos de tres rodas para moverse pola cidade; D- Raíz, marca de complementos de moda sustentel manufacturados en Galicia; Estudio Avelaíña e Cetácea Studio que fan deseño creativo co obxectivo de “salvar o mundo”; Factoría Atelier, que recupera móbeis e fai creacións artesanais de decoración e complementos a partir de materiais recuperados e sustentábeis; Meraki Ferments, que son os primeiros en elaborar Kombucha en Galicia; Somos Terra, que ofrecen formación e asesoramento; Farrapos e contos, un movemento ecolóxico, solidario e consciente creado a partir dunha marca de roupa conta contos; a cooperativa Catro Ventos, unha editora enfocada a publicacións de ecoloxía e economía social; Toxo Aventura e Rooteiro, que ofrece propostas de turismo limpo; e a cooperativa Triquels, que axuda a empresas con valores a mellorar a súa comunicación e sustentabilidade.
Dende o rural, participarán na feira proxectos como MycoGalicia Plantae, que se centra na xestión e valorización do recurso micolóxico dos montes galegos para o desenvolvemento rural; Tres Fuciños, unha cooperativa de porcos celtas criados en liberdade nos soutos e carballeiras; e Galician Rural Lab, que propón unha plataforma de empoderamento das parroquias do rural galego a través do método da fotografía e o vídeo participativo. Tamén vén do rural A3 Proyectos, dedicada á representación virtual de proxectos de enxeñaría e arquitectura. Outras propostas con base tecnolóxica son Kidcode, pero neste caso cun proxecto de formación científico-tecnolóxica para rapaces, enfocado a axudarlles a identificar os seus talentos e habilidades a través da tecnoloxía. Ou TICgal, que dá soporte a unha aplicación opensource chamada GLPI; Nososono, un espazo online onde artistas, deseñadores emerxentes e artesáns expoñen, difunden e venden os seus produtos pensados e fabricados a man; Mundo Escénico, unha plataforma dixital creada co obxectivo de modernizar, democratizar e facer máis accesíbel o mundo das artes escénicas en Galicia; Koompany Growth Partner, unha consultora de crecemento, negocio dixital e mercadotecnia en liña; a Revista Morcego, publicación dixital centrada exclusivamente en información sobre videoxogos en galego e Siente VR, unha produtora de contidos inmersivos a través de fotografía e vídeo en 360º.
Tamén se vai presentar Apelmatic, adicada ao mundo da mercadotecnia olfativa como ferramenta para conquistar público mediante os aromas, que ofrecerá os seus servizos durante o encontro.

PUBLICIDADE