A fenda dixital de sexo redúcese a mínimos históricos en Galicia

mércores, 13 de febreiro do 2019 Redacción

O 78,8% dos galegos e o 78,1% das galegas utilizaron a Internet nos últimos tres meses, ou sexa que a fenda dixital de sexo en Galicia sería de apenas 0,7 puntos, o valor máis baixo dende que se rexistran datos neste ámbito segundo conclúe o estudo monográfico A Sociedade da Información dende una perspectiva de xénero, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.
O informe recolle un descenso de 2,3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior en Galicia, que se distancia tanto da media española, situada en 1,8 puntos, como da media da Unión Europea que está en 3 puntos.
En Galicia, a fenda dixital de xénero no uso da Internet foise reducindo de forma lenta pero constante, experimentando unha diminución de 2,3 puntos o último ano. A nivel estatal a redución é de 2,1 puntos porcentuais no mesmo período.

Factores inciden na fenda de xénero

O nivel formativo é unha das variables que máis incide nas diferenzas no uso de Internet. As persoas con estudos mais básicos, especialmente as mulleres, son as que menor uso fan da ferramenta, con diferenzas que superan os 10 puntos porcentuais fronte aos homes.
A fenda de xénero no uso de Internet presenta unha tendencia marcada pola idade, diferenciando unha ruptura dixital arredor dos 64 anos. Así, as mulleres con menos de 64 anos superan ou igualan aos homes no uso de Internet, mentres que a partir desa idade as distancias aumentan sensiblemente en detrimento do uso feminino da Rede, cunha fenda de xénero de 8,2 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos.
Con respecto á situación laboral, o uso de Internet é practicamente universal entre as mulleres estudantes e que desempeñan unha actividade no mercado laboral. Pola contra, as mulleres dedicadas ás tarefas do fogar ou xubiladas son dous colectivos especialmente afectados polas diferenzas de sexo á hora do acceso á Rede.
O estudo do OSIMGA analiza a influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, atendendo as seguintes variables xeográficas: provincias, tamaño de hábitat, áreas comarcais e nos sete concellos con maior poboación de Galicia
As diferenzas no uso de Internet entre homes e mulleres son máis acusadas nas vilas galegas de máis de 50.000 habitantes, onde a fenda de xénero no uso de Internet supera os 2,6 puntos porcentuais. Pola contra, o uso de Internet entre as mulleres é superior que entre os homes nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

PUBLICIDADE