A ferramenta EMi loce potencial en Edugal
venres, 11 de outubro do 2024
Este venres 11 de outubro estase a celebrar a 13ª edición de Edugal, Salón da oferta de educación e formación de Galicia, e neste contexto a Xunta, a través da directora xeral de Formación, Zeltia Lado, presentou as funcionalidades e vantaxes da ferramenta autonómica EMi. Fíxoo na charla Emprego Intelixente (EMi): A Intelixencia Artificial aplicada á busca de emprego, na que lembrou que esta ferramenta está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia e “é pioneira en España e en Europa”.
Recordou que ten como fin “casar oferta e demanda no mercado laboral e atender as persoas que están buscando activamente traballo ou mellorar o seu emprego actual, contribuíndo a abordar a escaseza de man de obra”.
Ademais, Zeltia Lado especificou que este software permitirá realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas e foi presentado pola Xunta ao Goberno central co obxectivo de “propoñer a súa posible aplicación noutras comunidades autónomas”.
Entre as vantaxes que ofrece e que expuxo a directora xeral, está a de relacionar todas as características e competencias da persoa demandante de emprego con datos avanzados do mercado laboral e detectar sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións. Tamén detecta eivas competenciais en cada localidade, o que facilita a programación de accións formativas adaptadas ás necesidades de cada unha. A maiores, engadiu que esta ferramenta pode prever o comportamento laboral de cada comarca e de cada ocupación referida aos seus próximos meses, o que permite adiantarse ás necesidades das empresas.
O software EMi forma parte da modernización do Servizo Público de Emprego, que leva a cabo a Xunta dentro da súa estratexia de para cubrir vacantes no mercado laboral.