A ferramenta ImaginEM do SERGAS e Novartis habilitarase en todas as áreas sanitarias galegas
mércores, 5 de marzo do 2025
O Servizo Galego de Saúde (SERGAS), en colaboración con Novartis, puxo en marcha ImaginEM Galicia, un proxecto innovador que utiliza Intelixencia Artificial (IA) para mellorar o diagnóstico e seguimento da Esclerose Múltiple (EM).Este programa pioneiro habilitarase nos sete hospitais públicos que representan as áreas sanitarias de Galicia e busca asistir aos clínicos na interpretación e manexo de resonancias magnéticas para optimizar o tratamento de pacientes con esta patoloxía.
O proxecto presentouse este martes 4 de marzo no 4YFN dentro da mesa redonda, realizada en colaboración co Barcelona Health Hub: Co-creating with the Spanish Healthcare System: lessons learned from ImaginEM Galicia Project, coa participación do doutor. José María Prieto (xefe de servizo de neuroloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago – CHUS e presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía), Manuel Muñoz (CSO de Qubiotech), Javier Quiles (subdirector de sistemas de información do CHUS) e Nuria González (responsable da área de acceso e solucións innovadoras de Novartis), baixo a moderación de Eloy Viñuales, director de neurociencias de Novartis España.
Segundo explicaron, a EM é unha doenza neurodegenerativa que constitúe unha das principais causas de discapacidade non traumática en adultos e xente nova. A súa prevalencia incrementouse substancialmente nas últimas décadas, afectando aproximadamente a 1,8 millóns de persoas en todo o mundo. En Galicia, a prevalencia é especialmente alta, con taxas que alcanzan os 205 casos por cada 100.000 mulleres e 115 casos por cada 100.000 homes, o que converte a esta comunidade autónoma nunha das máis afectadas por esta enfermidade en España.
No 4YFN lembraron que ImaginEM Galicia ten como obxectivo principal “homoxeneizar os protocolos utilizados nas resonancias magnéticas para mellorar a precisión diagnóstica, coa implementación do software avanzado NeuroCloud, que permite analizar neuroimaxes mediante Intelixencia Artificial, extraendo biomarcadores crave con rapidez e precisión; e deste xeito, axilízase a identificación de novas lesións e evolución do paciente por parte dos neurólogos especialistas en EM”. Ademais, o proxecto busca fomentar unha mellor coordinación entre os servizos de neuroloxía e neurorradioloxía, optimizando os procesos asistenciais e reducindo os tempos necesarios para avaliar aos pacientes.
O SERGAS e Novartis salientaron que ImaginEM Galicia é “un exemplo destacado do potencial transformador da colaboración público-privada”. Segundo José Ramón Parada, xerente do Servizo Galego de Saúde, “ImaginEM facilitará o diagnóstico precoz e un seguimento máis preciso dos pacientes con esclerose múltiple e permitirá reducir os tempos de avaliación. Proxectos como ImaginEM contribúen a avanzar na excelencia asistencial, ao optimizar e estandarizar procesos que redundarán na calidade de vida dos nosos pacientes, fin último do noso sistema sanitario público”.
Pola súa banda, Eloy Viñuales, director de neurociencias de Novartis España, engadiu: "Este proxecto non só busca mellorar a precisión diagnóstica e o seguimento dos pacientes, senón tamén establecer un modelo replicable que fomente a estandarización e a equidade no acceso a coidados avanzados. Estamos orgullosos de traballar xunto ao SERGAS e outros actores clave para ofrecer solucións que impacten directamente na calidade de vida das persoas que conviven con EM”.
O desenvolvemento do proxecto divídese en tres etapas: análise inicial do proceso asistencial actual, implementación tecnolóxica do software NeuroCloud e seguimento continuo para avaliar o seu impacto clínico. Os resultados preliminares presentaranse durante o próximo ano e agárdase poder cuantificar as melloras, coa intención de replicar este modelo.
