En fase de probas a ferramenta que achegará á cidadanía todos os datos sobre a pandemia, a app PassCOVID

xoves, 30 de xullo do 2020 S. P.

Tirar proveito das posibilidades dos móbiles para obter información inmediata, actualizada, xeolocalizada e fiábel para incrementar a seguridade da cidadanía fronte á pandemia de COVID. Este é o gran obxectivo do proxecto presentado este xoves 30 de xullo polo presidente da Xunta, en funcións, Alberto Núñez Feijóo: un proxecto para dar forma a unha aplicación móbil que entra en fase de probas este mes de agosto e que converterá os trebellos de cada quen nos principais e máis amplos e precisos puntos de información sobre a pandemia. A app chámase PassCOVID. En agosto entra en fase piloto cun “pechado grupo de persoas”, sinalou Feijóo, engadindo que estará en conexión directa coa base de datos do SERGAS.
En base ao devandito, indicou, “permitirá identificar o nivel de risco transmisor da persoa usuaria fronte ao virus e facilitar a xeración de alertas aos contactos indicados por esta no caso de dar positivo nunha proba PCR”.
O presidente en funcións engadiu que en setembro valorarase a posibilidade de aplicar e estender o uso da ferramenta, tanto para residentes na nosa terra como para os viaxeiros. No caso de que finalmente colla corpo, PassCOVID será sometida a consideración do Consello interterritorial de Saúde.
O titular do Executivo galego engadiu que este sistema será completamente voluntario: “A persoa que descargue a aplicación poderá optar por identificarse empregando o sistema de identificación seguro Chave 365, o que lle permitirá acceder a todas as funcionalidades de PassCOVID; ou escoller un perfil anónimo, en cuxo caso a aplicación lle proporcionará información xeral e consellos sobre a situación da pandemia”.
O obxectivo é que a información xerada sexa “personalizada”, no caso dos perfís identificados; e “local”, no que atinxe aos usuarios que activen voluntariamente a xeolocalización. Isto último permitiralles recibir alertas sanitarias da zona de Galicia na que se atopen.
O presidente en funcións engadiu que PassCOVID servirá de canle de comunicación entre o sistema público de saúde e os cidadáns con información sobre novidades e evolución da pandemia; zonas de risco; datos; indicadores xerais e por concello; recursos e servizos dispoñíbeis; e recomendacións e información sobre protocolos de protección e seguridade aplicables en cada momento e lugar.

PUBLICIDADE