A fibra óptica avanzada é xa unha realidade para 1.700 fogares de Padrón

mércores, 31 de marzo do 2021 S. P.

Unha vista de Padrón vista na Galipedia

O Concello de Padrón fixo balance dos últimos traballos realizados no termo municipal para dotar de conexión a Internet de fibra óptica avanzada aos fogares e ás empresas locais. Segundo fixo saber o Goberno padronés, as telecomunicacións de vangarda xa chegaron a 1.700 fogares de 22 núcleos de poboación e a previsión é que ao longo de 2021 se sumen á devandita cifra outros 1.500 inmóbeis pertencentes a outros 19 núcleos, entre os que se inclúe o da propia vila de Padrón. Estes traballos, segundo lembra o Concello, foron levados a cabo por Telefónica e Orange.
O programa continuará en 2022 co obxectivo de que “a totalidade de fogares do municipio teña acceso á tecnoloxía de banda larga máis punteira do mercado das comunicacións”.
A iniciativa en Padrón estase a desenvolver por Telefónica e Orange en numerosos lugares do concello como Couto, Cruces, Iria Flavia, Luáns, Pedreda, Pedroso Norte, Pedroso Sur, Porta dos Mariños, Prada, Ponte-Aldea, Quintáns, Reten, Angueira de Suso, Estramundi de Arriba, Pedreira, A Igrexa, Herbón, Pontecesures, Estramundi de Abaixo, Vilar, Berxaos, Outeiro, Rial, Ribadulla, Sande, Sinde, Sobrerrivas, Baiuca, Vigo, Cortiñas, Rego da Manga, Santa Cruz, Aduana, Barco, Cambelas, Agronovo, Paraíso, Pouso, Rueiro, Calzada, Lama e Padrón Centro.
O desenvolvemento desta acción realizase baixo o paraugas de concursos públicos adxudicados pola Xunta de Galicia no Plan de Banda Larga (PEBANG) e polo Goberno de España no Plan PEBA-NGA, co-financiados con fondos europeos FEADER e FEDERA.
O Concello engade que a fibra óptica implica “unha gran velocidade na transmisión de datos e permite recibir varias canles simultaneamente, amais a súa calidade de transmisión e a súa capacidade son excelentes posto que o sinal é inmune a interferencias externas”.
Por outra banda, o seu sistema é máis seguro na transmisión de datos, engadiu o Consistorio.
O concelleiro de Servizos, Ángel Rodriguez, destacou que a través deste proxecto “Padrón ofrecerá mellores servizos á cidadanía, posto que se aumenta a axilidade e rapidez das comunicacións. A pandemia da COVID-19 incidiu na necesidade de ter desenvolvidas unhas redes de comunicación seguras e eficientes, por iso a fibra axudará ao crecemento do tecido empresarial e contribuirá a fixar poboación no noso territorio”.
Segundo explicaron os técnicos, o despregue dos canles de fibra realizarase a través das canalizacións subterráneas existentes. De maneira excepción e “só onde non exista canalización dispoñíbel”, o despregue realizarase en tendidos aéreos por postes ou en trazados por fachada, en función das características construtivas da área a cubrir.

PUBLICIDADE