A fibra óptica chegará ao 85 por cento de Vedra no vindeiro ano

venres, 2 de outubro do 2020 S. P.

O 85% do termo municipal de Vedra disporá de fibra óptica antes de finais de 2021. Así o informou este venres 2 de outubro o Goberno local, que deu conta dos traballos despregados pola operadora Telefónica no seu territorio. Neste intre, a compañía atópase afrontando o deseño da alimentación e a definición das zonas nas que se situarán as distintas cabeceiras de distribución. O Concello sinalou que a nova rede irá en paralelo á existente, o que facilitará o seu despregue, implicando ademais un importante aforro de custes e traballos.
Esta distribución levará a fibra óptica a máis de 90 lugares e rúas do concellos coa posibilidade de que no futuro este número poda ser ampliado. A previsión do Goberno local e da operadora é a de alcanzar o cincuenta por cento da poboación antes de finais de ano e o resto ata o 85% antes de que remate 2021 conectado en total 1.165 unidades inmobiliarias.
O seguinte paso será a solicitude dos permisos particulares precisos para elaborar os estudos técnicos de campo dos que sairán o deseño final da rede. A fibra óptica instalarase nas canalizacións xa existentes e só en caso de que fora necesario, por calquera causa non prevista, realizaríase obra civil previa solicitude dos permisos necesarios.
A respecto das potencialidades que se lle abren á cidadanía con este fornecemento tecnolóxico, o Concello explica que a fibra óptica é un tipo de cable realizado con vidro ou plástico cun algo máis de grosor có cabelo humano. As dúas principais vantaxes son a posibilidade de xuntar, en moi pouco espazo, milleiros de cables de conexións e achegar, ademais, unha maior velocidade na transmisión de datos.
“No contexto actual as posibilidades de teletraballar, teleformarnos ou comunicarnos plenamente con outras persoas pasan por forza por ter unha boa conectividade”, apunta o equipo de Goberno local, engadindo que “a fibra óptica en Vedra suporá un valor engadido para un concello próximo a capital de Galicia pero coa tranquilidade e as vantaxes do medio rural”.

PUBLICIDADE