A fibra óptica de Adamo chega ás zonas rurais de Becerreá, Guntín, O Corgo e Portomarín

venres, 23 de agosto do 2024 S. P.

A operadora Adamo deu este verán un paso adiante no desenvolvemento das telecomunicacións de varios concellos lucenses que tiñan pendente ampliar a fibra óptica ás súas áreas máis afastadas dos principais núcleos de poboación. Así, as zonas rurais de Becerreá, Guntín, O Corgo e Portomarín estrean Internet de alta velocidade grazas á despregadura que está a levar a cabo a empresa.
Ata 1.415 familias conectadas
Adamo confirmou que as actuacións levan tempo en marcha e que “os primeiros fogares conectados xa son unha realidade”. Porén, a operadora Adamo seguirá expandindo a fibra óptica nos devanditos catro territorios lucenses. En concreto, ata completar o programa previsto polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública e estender así esta infraestrutura a 1.415 casas coa seguinte desagregación:
-Becerreá, 279 fogares.
-Guntín, 487.
-O Corgo, 333.
-Portomarín, 316.
Fronte ao despoboamento
Adamo mostrou o seu convencemento sobre as posibilidades que abre esta novidade tecnolóxica na loita contra o temido fenómeno do despoboamento que os catro concellos lucenses manteñen desde hai décadas. De feito, segundo lembra a compañía, Becerreá perde habitantes desde os 60; O Corgo, desde os 50; e Portomarín, desde os 40. Pola súa banda, a sangría demográfica de Guntín remóntase ata un século atrás.
Para contribuír a fixar poboación, Adamo subministra no rural lucense (a través dos plans do Ministerio para a Transformación Dixital) fibra óptica de ata 1.000 Mb, que é, segundo indica a empresa, “a mesma velocidade máxima habitual de conexión que pode atoparse en calquera gran cidade”. Así que agora é posible navegar por Internet á mesma velocidade en Barcelona, en Madrid... e nas zonas rurais de Becerreá, Guntín, O Corgo e Portomarín.
A operadora recorda tamén que a conexión que proporciona posibilita realizar con garantías actividades que hoxe resultan habituais: teletraballo, educación online, compras por Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras.