A fibra óptica xa está dispoñíbel en Cima de Vila, no concello de Lugo
venres, 25 de agosto do 2023
- David Llano, responsábel de Adamo en Galicia, e a veciñanza de Cima de Vila
A
operadora Adamo vén de completar boa parte dos traballos para
despregar fibra óptica FTTH en Cima de Vila (Pereda, Lugo), que
permitirá subministrar á veciñanza e ás empresas un servizo co
que non contaban até o de agora: Internet ultrarrápida.
Segundo
confirmou a operadora, a despregadura de fibra neste núcleo rural
lucense veu acompañada dunha manchea de dificultades. “Habilitar
fibra óptica non sempre é unha tarefa sinxela, de feito, resulta
habitual que xurdan dificultades técnicas, obstáculos no terreo e
ata problemas administrativos. En circunstancias así, as empresas
que despregan a infraestrutura ven recortada a súa marxe de manobra
e os principais afectados, por suposto, son os cidadáns que carecen
desa tecnoloxía e están a desexar gozar dela. Foi o caso de Cima de
Vila”, explicou Adamo, que, malia os atrancos no camiño, festexou
coa veciñanza, esta semana, a chegada da Internet de alta
velocidade. De feito, os días pasados leváronse a cabo as
activacións de servizo nos primeiros fogares e a previsión da
compañía é completar o proceso de cableado en outubro.
David
Llano, responsábel de Adamo en Galicia, comprometeuse expresamente
coa asociación de veciños a mediados de xullo a que a fibra óptica
fose unha realidade en Cima de Vila. “Logramos adiantar os
traballos desde o punto no que quedaron parados, co esforzo dos nosos
técnicos, para acurtar os prazos ao máximo. Desde Adamo,
comprometémosnos publicamente a que os habitantes de Cima de Vila
tivesen fibra óptica e xa é un feito”, concluíu.
Adamo
chegará a 100.000 fogares da provincia
A
operadora lembra que os traballos de Cima de Vila forman parte de
todo un plan de expansión da empresa, que acumula máis de 70.000
vivendas cableadas en 35 concellos lucenses desde mediados de 2018.
Para sufragar tal actuacións, a compañía investiu 20 millóns de
euros e contratou a 300 traballadores locais en enxeñería,
despregadura, mantemento e comercialización. “Malia todo”,
engaden fontes da empresa, “o crecemento prosegue, xa que levaremos
Internet de alta velocidade a 33.000 fogares rurais de Lugo entre
2023 e 2024 para sumar máis de 100.000 inmóbeis conectados á nosa
rede de alta velocidade no conxunto da provincia”.