O 28 de abril Netflix estreará unha aplicación de xogos para a cativada

martes, 7 de abril do 2026 Redacción

Netflix reforza a súa aposta polo contido infantil coa presentación de Netflix Playground, unha nova aplicación de xogos pensada para nenos de ata 8 anos, así como coa ampliación do seu catálogo de series e programas dirixidos ao público máis novo. Así procuran consolidarse como un espazo seguro e curado onde os menores poidan entreterse, aprender e explorar con autonomía, mentres as familias manteñen o control sobre os contidos.
A nova aplicación, incluída sen custo adicional en todas as subscricións, permitirá acceder a unha biblioteca en constante crecemento de xogos baseados en personaxes populares. Entre as súas características destacan a ausencia de publicidade e compras dentro da aplicación móbil, así como a posibilidade de xogar sen conexión, o que a converte nun recurso útil en desprazamentos ou situacións sen acceso á Internet. Netflix Playground vén de estrearse en EE.UU., Canadá e Reino Unido, chegando ao resto do mundo o vindeiro 28 de abril.
O catálogo inicial inclúe títulos protagonizados por figuras recoñecibles do entretemento infantil, con propostas que combinan actividades creativas, xogos de lóxica e experiencias interactivas. A intención da plataforma é ofrecer un ecosistema no que os menores non só consuman contido audiovisual, senón que tamén poidan interactuar cos seus personaxes favoritos.
En paralelo, Netflix anunciou a renovación de series como Trash Truck para unha terceira tempada e novos episodios de The Creature Cases. Ademais, incorpora novas producións como Young MacDonald, unha serie musical centrada na vida nunha granxa que busca fomentar a creatividade e a resolución de problemas a través de historias próximas e didácticas.
A oferta complétase cun calendario de estreas que inclúe novos episodios de contidos consolidados e propostas inéditas ao longo da primavera e o verán. Entre elas figuran novas tempadas de CoComelon Lane, Sesame Street ou Ms. Rachel, así como producións como Gabby’s Dollhouse: The Movie.
Este movemento é acorde á demanda de contido dentro da plataforma, que entre 2023 e 2025 tivo producións infantís acaparando 4 posicións entre as 10 series máis vistas e 6 posicións no caso dos filmes.

Vídeo promocional de Netflix Playground