A finais do verán estará dispoñible a aplicación de verificación de idade dos cidadáns españois

luns, 1 de xullo do 2024 Redacción

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, presentou Carteira Dixital Beta, wallet que inclúe o sistema de verificación da maioría de idade no acceso a contidos para adultos, tras culminar a fase de deseño da ferramenta coa publicación das especificacións técnicas.
Escrivá explicou que a posta a disposición das especificacións técnicas de Carteira Dixital Beta non só pecha a fase de deseño, senón que permitirá a todos os operadores implicados en impedir aos menores de idade o acceso a contidos para adultos realizar os traballos preparatorios necesarios para que os seus usuarios poidan utilizar este sistema en canto estea dispoñible. Neste sentido, o ministro sinalou que a fase actual de desenvolvemento "durará algo máis de dous meses, de forma que estea dispoñible para todos os cidadáns ao final do verán".
O ministro subliñou que a posta en marcha do sistema de acreditacións de maioría de idade forma parte do "máis que necesario" gran acordo de país que o Goberno está impulsando para salvagardar a saúde, o benestar e a seguridade dos nenos, nenas e adolescentes. Xa no Anteproxecto de Lei Orgánica para a protección das persoas menores de idade nos contornos dixitais incluíuse a obrigación dos provedores de servizos do uso dunha ferramenta de verificación de maioría de idade para evitar o acceso de menores a contidos para adultos. Respecto dos actores non obrigados, Escrivá sinalou que "espera a súa máxima colaboración xa que é un problema que nos interpela a todos".
No ámbito europeo tamén existe un gran consenso sobre a necesidade de protexer aos menores no ámbito dixital. Ademais, Carteira Dixital Beta enmárcase no estándar eIDAS2, que establece a obrigatoriedade por parte das plataformas de contidos de aceptar o uso de carteiras europeas de identidade dixital como moi tarde en outubro de 2027.

Datos preocupantes de acceso a contidos desapropiados

Escrivá sinalou que "os datos que vemos sobre o acceso de menores a contidos para adultos e as súas posibles consecuencias son os que nos levaron a desenvolver esta ferramenta coa máxima celeridade". Neste sentido, eloxiou o "fantástico traballo" que está realizando o grupo de traballo interministerial posto en marcha en marzo para desenvolver a ferramenta e que "vai poñer a disposición dos usuarios unha solución en tempo récord". A presidenta do grupo de traballo, Carmen Cabanillas, directora xeral de Gobernanza Pública, acompañou ao ministro na presentación.
O ministro subliñou algúns datos "preocupantes" sobre o acceso a pornografía por parte de menores de idade, como o feito de que 7 de cada 10 adolescentes consuman pornografía de forma regular en España ou que o primeiro acceso sexa entre os 9 e os 11 anos. Segundo os datos do Ministerio do Interior e do Ministerio de Mocidade e Infancia, o acceso realízase fundamentalmente a través do teléfono móbil, ben por mensaxería instantánea, páxinas web ou redes sociais.
"As consecuencias deste acceso a contidos para adultos son moi graves e impícannos a todos", destacou Escrivá, que sinalou que a gran maioría dos mozos entre os 18 e 26 anos consideran que estes contidos son fieis á sexualidade real e para moitos é a súa única fonte de información afectivo-sexual, o que provoca que actúen por imitación e, nalgúns casos, por dominación do home sobre a muller. "Todo iso, segundo os estudos que se analizaron no grupo de traballo, provoca distorsións da percepción da sexualidade, problemas emocionais e sexuais e risco de adicción", segundo o ministro, que tamén destacou o incremento do 116% das agresións sexuais realizadas por menores nos últimos cinco anos. "Este sistema de verificación da maioría de idade que presentamos hoxe é unha das medidas máis necesarias e eficaces para loitar contra esta problemática", segundo destacou Escrivá.

Credencial de maioría de idade

A Carteira Dixital Beta será unha aplicación móbil que almacenará de forma segura a credencial de maioría de idade emitida polo Goberno de España, que será presentada ante a plataforma de contidos para adultos cando se inicie a sesión. O sistema incorpora unha dobre autenticación para evitar que os menores accedan a través dos dispositivos de adultos. A aplicación incluirá outras funcionalidades desde a súa posta en marcha e irá incorporando novas utilidades no marco do eIDAS2.
Ademais, deseñouse unha arquitectura de gobernanza baseada en listaxes brancas de confianza que permite que os actores do sistema se identifiquen como tales. A listaxe branca de plataformas para adultos xestionada pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, a listaxe branca de aplicacións de verificación xestionada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e unha última de emisores de credenciais xestionada pola Secretaría Xeral de Administración Dixital.
O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), pola súa banda, xestionará, coa colaboración doutros actores, unha listaxe de páxinas con contido para adultos non sometidas á xurisdición española co obxectivo de que os navegadores poidan verificar a maioría de idade antes de presentar os seus contidos.