A formación galega en competencias dixitais abrangue 2.150 accións para o vindeiro curso
venres, 23 de xuño do 2023
Este
venres 23 de xuño presentouse o novo Plan de Formación do
Profesorado para o curso 2023-24, que incorpora un total de 5.800
actividades formativas (un 5% máis de oferta) e 120.000 horas de
formación (un 7% de incremento), para o desenvolvemento da cales a
Consellería de Cultura e Educación destina un orzamento de 9,1M€
(un 30% máis). Trátase, en palabras do conselleiro Román
Rodríguez, “dun investimento récord”, con 130.000 prazas
ofertadas.
O
plan recolle unha oferta “diversificada e equitativa”, dixo,
engadindo que o programa artéllase en torno a seis eixos concretos,
que son o didáctico, o dixital, a innovación, a convivencia e
inclusión, a comunicación e pluriligüismo e a atención a
colectivos específicos.
Un
dos eidos máis destacados do plan, con 2.150 accións formativas, é
a formación en competencias dixitais, unha formación aliñada aos
novos proxectos educativos en marcha “onde cada vez ten máis peso
a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento”,
sinalou, lembrando que a partir do vindeiro curso vanse incorporar os
Polos Creativos a todos os centros de Primaria e ESO, polo que os
docentes atoparán no plan toda a formación necesaria para sacarlle
o máximo proveito.
Deseñouse
un itinerario formativo específico de Polos Creativos que inclúe a
constitución dun equipo de asesores mentores integrado por 35
profesionais vinculados aos Centros de Formación do Profesorado, que
se encargarán da formación en metodoloxías de deseño e a creación
de proxectos, asesoramento e mentoring. Tamén se
crearán redes de mentoring e asesoramento para aqueles
Polos que están no seu segundo ano de implantación e formación
específica para os de nova incorporación.
No
balance do acadado neste curso acabado de rematar en materia de
competencia dixital, acadárona un total de 20.000 docentes. Deles, o
56% lograron certificar os niveis A2 e B1 de competencias dixitais.