A gala dos The Game Awards 2021 serviu para presentar numerosos videoxogos

venres, 10 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A celebración dos The Game Awards 2021 foi un ano máis unha cita á que os grandes estudios de videoxogos acudiron para realizar importantes anuncios e estrear novos tráilers, de xeito que os premios en si resultan irrelevantes, como podemos comprobar ao repasar o seu palmarés, encabezado por It Takes Two, xogo de Hazelight Studios que destacou pola súa orixinalidade, en boa medida por ter que xogarse forzosamente entre 2 xogadores.
No que aos galardóns se refire, o premio que si cómpre destacar é o do mellor xogo de acción/aventura, que correspondeu a Metroid Dread, título desenvolvido polo estudio español MercurySteam.
Pero entón, que son realmente os The Game Awards? Pois simplemente unha cerimonia dunhas 3 horas de duración na que o seu organizador, o xornalista especializado Geoff Keighley, vai intercalando tráilers e anuncios do sector entre as entregas dos galardóns, e que son o auténtico motivo polo que hai millóns de persoas de todo o mundo pendentes da gala.
Nesta ocasión o volume de anuncios e tráilers, así como a súa importancia, foi moi superior a edicións anteriores, principalmente porque as feiras de videoxogos tradicionais aínda non recuperaron a normalidade e a nova xeración de consolas de videoxogos aínda está emerxendo, polo que os títulos realmente de nova xeración aínda están por chegar.
Microsoft pola súa banda quixo amosar o primeiro tráiler de Senua’s Sacrifice: Hellblade II no que podía verse o agardado xogo en acción, como tamén fixeron con A Plague Tale: Requiem. Anunciaron que Marcus Fenix e Kait Diaz de Gears of War van facer acto de presenza en Fortnite; presentaron novidades sobre o Xbox Game Pass para PC (que pasa a chamarse PC Game Pass); e confirmaron que Sniper Elite 5, Pigeon Simulator, Trek to Yomi e un xogo por anunciar de Hugecalf Studios chegará a Xbox Game Pass o mesmo día do seu lanzamento.
Epic Games pola súa banda anunciou que o aclamado xogo de Remedy Alan Wake terá finalmente unha secuela oficial e completa, Alan Wake 2; deu a coñecer o xogo Star Trek: Resurgence, título narrativo que estará ambientado despois dos acontecementos de Star Trek: A Nova Xeración; presentou algúns tráilers máis e incluso fixo unha demostración de forza con The Matrix Awakens, unha experiencia baseada no filme The Matrix desenvolvida para demostrar a potencia de Unreal Engine 5 e que pode descargarse de balde para PlayStation 5 e Xbox Series X|S.
Para impresionar ao público tamén puideron coñecerse máis detalles de Elden Ring; o xogo de Suicide Squad: Kill the Justice League demostrou como era en acción; e dentro do mundo dos superheroes tamén se anunciou que Monolith Productions (responsables de Sombras de Mordor) están a traballar nun xogo de Wonder Woman.
Quantic Dream, o estudio detrás de Detroit: Become Human e outras aventuras case cinematográficas, anunciou que estaba a traballar en Star Wars: Eclipse, un xogo de acción e aventura que estará ambientado na Alta República do que apenas deron detalles.
Outra pequena sorpresa tamén foi o anuncio de que Shiro Games lanzará a primeiros de 2022 en acceso anticipado o xogo de estratexia en tempo real Dune: Spice Wars, que podemos entender que quere seguir a estela de Dune 2, título que no seu día marcou moitas das pautas deste xénero, e que co regreso da franquía á pantalla grande pode conseguir que moitos xogadores lle dean unha oportunidade.
Outro título moi ligado a producións audiovisuais sería o novo traballo do resucitado estudio Telltale Games, que consistiría nunha aventura de ciencia ficción que sería unha precuela da serie de Amazon Prime The Expanse.
E agora que se aproxima aos cines Sonic 2, tamén pareceu un bo momento para anunciar Sonic Frontiers para finais de 2022.

Vídeo íntegro da gala dos The Game Awards 2021