A galega Aaccentia gaña os Óscar do deseño web pola páxina de Factorías Vulcano

venres, 27 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Modesto Pérez, director de Aacentia

A empresa galega Aaccentia vén de obter un dos recoñecementos de meirande prestixio internacional no eido do deseño web: o American Design Awards de platino. O premio en cuestión, comparable aos Óscar do cine pero no terreo da creación dixital, foi posto en marcha en 2000 dende os Estados Unidos co fin de salientar os mellores traballos e propostas do panorama internacional. Os seus membros, que ao igual cós da Academia de Cinema Norteamericana están espallados por todo o mundo (e dende eses recantos efectúan as súas votacións), atoparon este ano no traballo despregado pola empresa con sede en Vigo a mellor representación de todo o que ao seu xuízo debe ter un deseño web de calidade: eficacia, sentido práctico, ética da páxina web e creatividade.
Máis polo miúdo, foi o traballo desenvolvido para a face en liña da empresa Factorías Vulcano o que mereceu os maiores eloxios e, finalmente, o máximo galardón. A firma galega, que non é precisamente unha acabada de chegar nisto do deseño web con pegada internacional (ten no se haber até 13 premios American Design, sete deles acadados en 2008), está especializada sobre todo na posta en marcha de aplicacións multimedia e servizos de consultoría en novas tecnoloxías da información.
Aaccentia, que comezou a súa andaina hai dez anos, está a recibir este recoñecemento coa satisfacción de quen participa nunha liga maior cuns cantos factores na súa contra (posición a priori periférica, menores orzamentos que as majors do sector) que, logo dos esforzos despregados, non resultan tal: “Estamos moi satisfeitos de que os nosos deseños galegos sexan valorados na meca do deseño web”, sinala Modesto Pérez, director da compañía.
Como sinalamos, o American Desing Platino en cuestión vén dado pola páxina web de Factorías Vulcano, en realidade un traballo de redeseño sobre unha páxina web coa que Aaccentia xa acadara previamente numerosos galardóns. A empresa conseguiu tamén un American Desing Ouro polo sitio Conxuntos Residenciais. Aacentia, con sede en Vigo pero que conta na súa carteira con firmas de toda España, competía nesta edición dos American Desing con 672 empresas de todo o mundo.
A clave: a innovación
“Estes galardóns axúdannos a seguir innovando”, comenta Modesto Pérez, director da empresa, quen asegura que o segredo do éxito non é outro que o de tirar partido do coñecemento e a capacidade de idear cousas que aos demais aínda non se lle ocorreron: “A fórmula é intentar ir sempre un pouco máis alá”, puntualiza. Asemade, e facendo referencia á necesidade de ficar de xeito permanentemente actualizado nun mercado tan competitivo e dinámico, asegura que “nisto do deseño web hai que estar continuamente intentando mover os límites e penetrarse por carreiros que aínda non foron explorados. É un sector apaixonante e debo recoñecer que en Galicia hai moi boa creatividade e estamos nun sector altamente competitivo”.
Non hai fórmulas, asegura, alén da creatividade: “gañamos premios tanto con proxectos de gran orzamento como con proxectos de baixo orzamento, conseguindo que a creatividade non se rife co investimento”.

PUBLICIDADE