A galega Aerocámaras acada un acordo para integrar os drons no ámbito universitario
mércores, 4 de decembro do 2024
O Grupo Educativo CEF - UDIMA e a empresa galega de tecnoloxías e formación aeroespacial Aerocámaras, formalizaron un acordo de colaboración co obxectivo de poñer en valor o sector dos drons no ámbito universitario. A sinatura contou coa presenza de Juan Luis Rubio, vicerreitor de UDIMA, e Francisco Álvarez, director executivo (CEO) de Aerocámaras.
O acordo remóntase a maio de 2024, cando as institucións daban o primeiro paso co lanzamento do título propio Piloto Máster UAS, única certificación técnica de piloto de drons do país con acreditación ECTS de UDIMA e títulos oficiais de piloto homologados por EASA (European Union Aviation Safety Agency).
En concreto, acábase de asinar que tanto os alumnos como os antigos alumnos de UDIMA e de Aerocámaras gozarán de condicións vantaxosas á hora de matricularse na oferta formativa de ambas as escolas superiores. Ademais de bonificacións, incluirase de balde con cada inscrición o curso Área de Desenvolvemento de Carrera de UDIMA.
Esta acción complementarase coa incorporación de Aerocámaras no programa de mentoring da universidade online, para fomentar a relación de desenvolvemento profesional e persoal do Alumni e axudar a establecer un itinerario profesional acorde ás capacidades e aptitudes no eido tecnolóxico. A este programa engádese, ademais, o plan de prácticas profesionais en empresas para os alumnos de pilotos de drons.
As dúas institucións consideran de “gran relevancia” establecer estas liñas de colaboración que redunden nun beneficio común que permita a organización de actividades formativas de alto nivel: cursos, seminarios, etc.
Francisco Álvarez destacou desta unión que “é un fito no ámbito da formación técnica, nós, apaixonados polos drons e a formación, e UDIMA, especialistas en formación universitaria en liña de calidade, damos resposta á imparábel demanda de todos os sectores profesionais para aproveitar as vantaxes da drónica na súa actividade. Sen dúbida, a firma deste convenio con UDIMA é un privilexio e supón un gran paso no noso desenvolvemento estratéxico”.