A galega Aerocamaras desembarca en La Palma para tentar rescatar os cans atrapados de Todoque

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

A empresa galega Aerocamaras, centrada no desenvolvemento e na formación no ámbito UAV (vehículos aéreos non tripulados) vén de mobilizar os recursos tecnolóxicos e humanos para tentar rescatar aos cans atrapados en La Palma dos que escoitamos falar estes días nos medios, medios que puxeron o foco no seu número (catro) e na complexa situación na que se atopaban (ficaron cercados pola colada de lava que chegou á localidade de Todoque). Os efectivos de Aerocamaras desembarcaron esta fin de semana en La Palma e están á espera do permiso para intervir. Para extraer a estes animais, a firma galega utilizará drons de carga especificamente preparados para culminar o que consideran “unha fazaña pioneira en España”.
Os técnicos e operadores de dron despregados estre luns para preparar a evacuación dos animais, expuxeron a súa estratexia de rescate ante os representantes do Cabildo, da Unidade Militar de Emerxencia (UME) e do Posto Avanzado. Unha vez formalizado o plan por escrito e tras o permiso definitivo por parte das autoridades, o equipo de Aerocamaras procederá a recoñecer o terreo onde realizará unha extracción que, á espera de coñecer a evolución da súa análise, realizarase nos próximos días.
Segundo informa a empresa de Lalín, o rescate “foi planificado coidadosamente”. Así, indican, “os vehículos aéreos comezarán entregando comida e bebida aos cans, o que nos permitirá inspeccionar cunha cámara de 30 aumentos e outra termográfica a localización onde realizaremos a extracción mentres afacemos aos animais ao ruído e á presenza do UAS”. Cando chegue o momento de executar o proceso de evacuación, a empresa empregará un dron de carga dotado dun sistema propio de loxística adaptado ás características dos animais, xunto a outra aeronave de apoio, con que o piloto encargado da operación poderá planificar o voo do rescate con seguridade.
Respecto á execución do rescate, Aerocamaras desprazou este 18 de outubro aos seus mellores técnicos até as proximidades do volcán, un traslado que foi posíbel grazas ao apoio de Iberia e Peninsula, que puxeron a disposición dos operadores da compañía galega os seus avións e ferris sufragando os gastos en loxística. Pola súa banda, a protectora de animais, Leales.org tamén apoiou o rescate desde o primeiro momento realizando unha campaña de recollida de fondos para sufragar os gastos das protectoras que teñan débedas coas clínicas veterinarias de Canarias.
Aerocamaras engade que a opción de que a UME e o Grupo de Emerxencias e Salvamento (GES) realizasen a extracción en helicóptero foi desbotada polo elevado risco que levaría sobrevoar o magma, e o acceso por terra tamén foi cualificado como inviábel debido ao cerco de cinza e lava que os rodea.
Por este motivo, engade a firma galega, “as aeronaves non tripuladas (UAS) son a primeira (e única opción) dos cadelos”.
“Estamos preparados para realizar o rescate. A vida dos cans está en xogo e o noso obxectivo é salvalos canto antes, é necesario que os saquemos de aí de maneira inminente. Só necesitamos que as autoridades nos autoricen voar”, asegura Jaime Pereira, director executivo de Aerocamaras.

PUBLICIDADE