A galega Aerocámaras introduce a Malí no emprego dos drons

venres, 24 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías para vehículos aéreos non tripulados (UAV ou drons) teñen un amplo potencial de aplicación en países en desenvolvemento. En primeiro lugar, porque boa parte destes países teñen urxencias importantes que afrontar con estes equipamentos, en segundo lugar porque moitos deles están ceibes dos atrancos burocráticos que lastran outras administracións máis desenvolvidas e, polo tanto, máis complexas e enrevesadas. Estas condicións veñen de ser decisivas, precisamente, para un acordo entre unha empresa tecnolóxica galega, Aerocámaras e o Goberno de Malí. Segundo ven de informar a Tecnópole de Ourense (onde está emprazada a devandita firma), Aerocámaras abriu o mercado dos drons no país africano converténdose “na primeira compañía do sector autorizada para operar con avións non tripulados e ten comprometidas accións de formación para os vindeiros dous anos”.
O acordo xa está comezando a dar froitos. De feito, dende hai uns meses os técnicos da empresa ourensá están a formar aos profesionais de diferentes recantos de Malí, pertencentes a sectores do máis variado (telefonía, enerxía, seguridade ou emerxencias), para capacitalos no que se refire a uso de drons e as tecnoloxías de voo, manexo e procesamento de imaxes que os acompañan. Ao longo desta primavera, ademais, Aerocámaras implantará os seus servizos en grandes empresas malianas. Para os responsábeis da firma galega, está claro que os UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés), ten un gran potencial de utilidade para países en desenvolvemento, “sobre todo escaseza e precariedade das comunicacións e, no caso de Malía, polas súas amplas zonas despoboadas”. Os sectores nos que prevén aplicacións a maior escala son, ademais do enerxético e o de seguridade e emerxencias, os do transporte e as inspeccións.
Aerocámaras tamén lembra que no caso deste país africano os tempos de resposta e xestión á súa oferta foron especialmente curtos. “Noutros países atopámonos moita máis burocracia, pero neste caso a necesidade do uso de drons axudounos a axilizar os trámites directamente co goberno”.
Os técnicos de Aerocámaras acharon en Malí circunstancias especiais ás que deben adaptar as súas actividades. “As temperaturas elevadas diminúen os tempos de voo, ao que hai que sumar as cuestións de seguridade e comunicacións e a falta de infraestruturas axeitadas”, indican.<

PUBLICIDADE