A galega Alcatraz Solutions participou nun curso estatal para formar expertos en ciberseguridade

luns, 4 de febreiro do 2013 Redacción

Os pasados días celebrouse en Madrid o Curso de Experto en Ciberseguridade e Privacidade (pdf), desenvolvido do 28 ao 30 de xaneiro da man da IAITG e máis da Organización Médico Colexial (OMC). Foi, basicamente, unha actividade formativa multidisciplinar (dereito, tecnoloxía e xestión de empresa) que serviu entre outras cousas para reunir a algúns dos máximos expertos do país na materia. Coordinadas por Antoni Bosch, director xeral da IAITG (Institute of Audit & IT-Governance) e máximo responsable do Máster en Auditoría, Seguridade, Goberno e Dereito do TIC da Universidade Autónoma de Madrid, estas xornadas ofreceron un panorama do actual estado da ciberseguridade e a privacidade na nosa contorna empresarial, nas institucións e, tamén no ámbito persoal. Entre os principais colaboradores destes encontros houbo presenza galega, a dos profesionais da firma Alcatraz, con sede na Coruña, que apostaron por cinguir, como conceptos irmáns, os termos tecnoloxía e privacidade.
Tamén se contou coa participación de Íñigo Núñez, director xeral de Dagonpress e partner da axencia EFE, Eloy Velasco Núñez, maxistrado do Xulgado Central de Instrución 6 da Audiencia Nacional, Manuel Marchena Gómez, maxistrado da sala segunda do Tribunal Supremo, Francisco García Morán, director xeral de Informática da Comisión Europea ou Jorge Carreira Domenech, conselleiro de Xustiza na Representación Permanente de España ante a UE. En representación da firma Alcatraza interveu Leopoldo Mallo, director xeral da empresa, quen dixo que "a tecnoloxía e a privacidade van ou deberían ir unidas". Ao seu xuízo, "no mercado existen ferramentas tecnolóxicas que realizan todas estas tarefas de forma transparente e permiten ás empresas e institucións cumprir coa normativa, evitar riscos e multas, dedicándose por completo ao core dos seus negocios".
O curso de experto tamén serviu para revisar a fondo o estado de nosa e-Saúde, un eido no que aínda queda moito por facer, sobre todo en materia de estandarización de sistemas, canles e iniciativas, a tenor das opinións dos especialistas reunidos. A xuízo de Joan Camps Pons, director de Estratexia Tecnolóxica do Consello Xeral de Oficiais de Médico de España, nestes intres “o sistema sanitario (tanto público como privado) está diseminado e non é interoperable (a pesar de existir a tecnoloxía que o permitiría)". A clave está, dixo, en asegurar un acceso seguro dos médicos á información dos pacientes, con total trazabilidade.