A galega Anna María López xunta nun libro todo o quixemos saber do deseño dixital de moda

mércores, 8 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A editorial Anaya Multimedia vén de publicar un libro sobre formación en deseño de moda con medios dixitais que pasa por ser o primeiro das súas características no ámbito editorial. O libro, ademais, foi escrito pola creativa galega Anna María López, autora especializada en deseño dixital, moda e tendencias, amais de responsábel dunha ducia de libros publicados sobre estas e outras cuestións. A obra Deseño Dixital de Moda inclúe 352 páxinas a todo cor e mostra unha manchea de exemplos de creacións profesionais e exercicios prácticos paso a paso para materializar proxectos, procesos e tendencias con ferramentas dixitais. O volume está especialmente dirixido a familiarizarnos con programas de deseño vectorial.
Segundo informa a autora do libro sobre os porqués de terlle dado forma, o sector da moda é un dos sectores máis beneficiados polo uso das últimas tecnoloxías, que ofrecen múltiples posibilidades para impulsar e ampliar o talento de cada quen, permitindo cousas como deseñar por computador, facer múltiples probas de cor, reutilizar figuras, debuxar as fichas técnicas das pezas ou crear deseños de estampados con innumerábeis combinacións de cores en cuestión de minutos.
O libro tenta tamén dar resposta ás seguintes preguntas: Que programas utiliza un deseñador de moda para deseñar? Con que ferramentas debuxa as fichas técnicas das pezas? Que programa emprega para deseñar estampados téxtiles?
Polo que atinxe aos contidos concretos, os primeiros capítulos do libro móstranse os inicios da tecnoloxía CAD-CAM aplicada ao sector, a súa evolución ata a impresión 3D e unha introdución aos programas especializados do sector utilizados nas grandes empresas de moda (Lectra, Gerber Technologies, C-Design Fashion, Audaces...), para nos capítulos seguintes, mostrar as técnicas e prácticas de deseño vectorial aplicadas ao debuxo de pezas de vestir e ao deseño de moda por computador.
Como valor engadido, a obra incorpora contido dixital adicional que poderemos descargar da web oficial www.disenodemoda.com, por exemplo, persoais de figuras estilizadas de home e muller (creadas en exclusiva para o libro, polo deseñador Eduardo Meliá), figuras articuladas prontas para deseñar moda sobre elas, máis de 400 cliparts de debuxos de pezas en plano (flats), ou siluetas técnicas de home, muller e neno preparadas para realizar fichas técnicas de moda.

PUBLICIDADE