A galega Ártabro Tech recibe o Premio Sacyr á Innovación

xoves, 28 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa ferrolá Ártabro Tech resultou ser a gañadora do Premio Sacyr á Innovación. A compañía estatal de construción e xestión de grandes infraestruturas desvelou a súa elección no transcurso dun acto que celebrou na tarde deste mércores 27 na súa sede madrileña. Na cita participaron o presidente de Sacyr, Manuel Manrique, e o ministro de Fomento en funcións, José Luís Ábalos, que entregaron o galardón ao director executivo (CEO) de Ártabro Tech, Alejandro Casteleiro.
A startup galega acudiu ao evento en calidade de gañadora dun dos retos tecnolóxicos de Sacyr iChallenges, ao que concorreron este ano unhas 200 empresas e centros tecnolóxicos de España e o estranxeiro, e tamén como candidata do Premio Innovación de Sacyr na súa novena edición, que se desvelou durante o mesmo e ao que concorrían tamén Zerintia, Kwido e Informática E Corte Inglés (IECISA).
Segundo nos conta a empresa galega, a solución que competiu no desafío empresarial intelixente foi un motor de procura e detección temperá de oportunidades de negocio. “Trátase dunha ferramenta orientada a coñecer en que lugar do mundo e quen está a proxectar a construción de plantas industriais, tanto de iniciativa pública como privada”, explica Ártabro Tech, engadindo que este tipo datos que proporciona a tecnoloxía de seu é “unha información que axudará a facer máis eficiente o traballo comercial de Sacyr, interesada en desenvolver proxectos chave en man para a posta en marcha de plantas de cemento e minería, transmisión, distribución e xeración eléctrica, petróleo e gas, tratamento de auga, xeotermia ou outras industrias en calquera país do mundo”.
Ártabro Tech lembra que está a traballar xa man a man con Sacyr no desenvolvemento do proxecto piloto desta solución. Nela utilízase a mesma tecnoloxía que a startup empregou para a creación de Ártabro Tender, o seu motor de análise intelixente das licitacións do sector público.
A firma ferrolá distinguida por Sacyr naceu hai algo máis de dous anos e está formada por un equipo multidisciplinar, con ampla experiencia internacional. O seu traballo está orientado ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas á medida dos seus clientes, en especial no ámbito da aprendizaxe-máquina (Machine Learning), a analítica de información a gran escala (Big Data) e a Intelixencia Artificial.

PUBLICIDADE