A galega COGESA crea un novo software para a rastrexabilidade de próteses e implantes
luns, 29 de xullo do 2024
A compañía galega de loxística sanitaria e biosanitaria COGESA, con sede en Ourense e plataforma propia na Comunidad de Madrid, desenvolveu un novo software para xestionar a rastrexabilidade (a trazabilidade) das próteses, implantes e produtos de alto valor, que ten a vantaxe de integrarse, en palabras da empresa, “con sistemas de control de stock, como armarios ou salas con tecnoloxía RFID, e funciona de maneira eficaz en contornas sen control de stock físico”.
A maiores, este software intégrase ao cen por cen coa historia clínica electrónica mediante o estándar HL7, o que garante unha xestión de datos segura e eficiente, e mellora a atención ao paciente e a precisión no manexo de implantes e próteses.
COGESA está a avanzar ademais de forma significativa no sistema de control dos servizos de mensaxería do departamento de loxística biosanitaria, encargado de transportar mostras biolóxicas, sangue e hemoderivados, tecidos trasplantábeis e medicamentos, entre outros elementos.
“Este novo sistema mellora a dixitalización dos procesos administrativos e de control, optimiza os recursos dispoñíbeis e os roteiros de entrega, ademais de incorporar un control estatístico de custos por proxecto”, explica a empresa galega, engadindo que foi quen de aplicar sistemas avanzados de rastrexabilidade para o transporte de tratamentos farmacéuticos hospitalarios, con entrega directa nos domicilios dos pacientes. Este novo sistema tamén se integra de maneira máis efectiva cos sistemas de xestión de laboratorios e empresas farmacéuticas, asegurando unha maior eficiencia e seguridade na cadea de subministro.
“Estas iniciativas non só reflicten o noso compromiso coa innovación e a mellora continua, senón que tamén nos permiten ofrecer servizos máis efectivos e seguros, mellorando a experiencia do paciente e a eficacia operativa do hospital”, explica o director de operacións de COGESA, Jorge Noceda, quen explica que “o sector da loxística sanitaria e biosanitaria evoluciona moi axiña, grazas á incorporación de tecnoloxías avanzadas como a Intelixencia Artificial Xenerativa, o Blockchain, o Big Data ou a robotización”. Segundo engade, “a tendencia é cara a unha maior integración de todas estas novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia, a seguridade e a capacidade de resposta e optimizar os procesos internos, son tecnoloxías que melloran indirectamente a atención ao paciente, ao asegurar que os produtos necesarios estean dispoñíbeis onde e cando se necesiten. É probábel que vexamos nun futuro non moi afastado unha integración máis profunda e unha interoperabilidade entre todas elas para crear sistemas de rastrexabilidade máis robustos, seguros e eficientes”.