A galega Cecubo premiada nos AMEC Awards 2022 polo seu proxecto de Big Data na cidade de Braga

martes, 22 de novembro do 2022 S. P.

A consultora compostelá Cecubo Group vén de obter un novo e importante recoñecemento á súa actividade, centrada no ámbito da intelixencia dos negocios aplicada á comunicación e mercadotecnia. En concreto, a firma tecnolóxica vén de ser galardoada cun premio AMEC Awards 2022 polo seu proxecto de medición da comunicación e a reputación do Concello de Braga (Portugal). Esta análise enmárcase na mellora da estratexia de comunicación da candidatura de Braga a capital europea da cultura 2027.
Cecubo Group é a única empresa de España e de Portugal que logrou este recoñecemento en 2022. Estes premios, concedidos pola Asociación Internacional para a Medición e Avaliación da Comunicación (AMEC), recoñecen cada ano os mellores proxectos de investigación, medición e análise en materia de comunicación. Máis polo miúdo, a consultora recibiu o galardón na categoría que premia a planificación, a investigación e a avaliación máis eficaces da comunicación nos sectores públicos.
O proxecto realizado polo departamento de análise do grupo consistiu en buscar narrativas vencelladas á cidade e ao Goberno municipal nos medios de comunicación portugueses. A consultora analizaba así mensaxes que contribuían a situar á cidade como un referente en estratexias culturais e de posta en valor do patrimonio. “Este tipo de proxectos permiten medir o éxito das accións de comunicación xa realizadas, obtendo un reporte actual do discurso mediático”, explican Carlos Correa e Boris Gayoso, directores de Cecubo, engadindo que “baseándose nesta análise, pódense expor cambios na estratexia comunicativa de cara ao futuro”.
Pola súa banda, Roi Pérez Vila, director de Análise do grupo, explica o proceso desta análise: “Para lograr este obxectivo, combinamos as ferramentas de Big Data e o traballo dun equipo humano. Grazas a este traballo de consultoría e aos datos dispoñíbeis, é posíbel orientar a estratexia de comunicación e de medios dáa cidade”.
Desde a firma compostelá agradecen “a confianza que a Câmara Municipal de Braga mostrou en nós para levar a cabo o proxecto, un agradecemento que estendemos a AMEC, que realiza un importante esforzo de divulgación e educación na nosa industria, ao poñer en valor a necesidade da medición e a investigación para o bo desempeño da comunicación”.
Outros premios
En 2018 e 2020, Cecubo Group foi distinguida nestes mesmos galardóns co primeiro premio polos seus proxectos de medición e reputación coas empresas CETELEM - BNP Paribas e Bankia. A iso súmase que a consultora galega foi finalista dos AMEC Awards en varias edicións.

PUBLICIDADE