A galega Cinfo leva a súa tecnoloxía intelixente ao Club Balonmán Errotabarri

venres, 25 de setembro do 2020 S. P.

A firma galega Cinfo vén de levar o sistema Tiivii, a súa tecnoloxía accesíbel destinada á produción de eventos na nube asistida con Intelixencia Artificial, ao pavillón deportivo (o pavillón Miguel Ángel Banco de Ermua, Euskadi) do Club Balonmán Errotabarri. O obxectivo foi achegar á entidade deportiva a tecnoloxía máis avanzada en produción automática de directos deportivos. Grazas a Tiivii, o club vasco poderá transmitir en directo e “de maneira totalmente automatizada” os seus partidos sen necesidade de intervención humana a través do uso de Intelixencia Artificial e da súa mesa de produción na nube. En definitiva, engade a empresa coruñesa Cinfo, grazas á tecnoloxía de Tiivii os seareiros poderán “seguir evolución do seu equipo desde calquera lugar”.
Adicionalmente, a tecnoloxía galega dará ao club a posibilidade de gravar os seus adestramentos así como os partidos para analizalos e seguir mellorando o nivel todos os equipos. “Co uso de Tiivii”, explica Cinfo, “Errotabarri convértese no primeiro club deportivo de balonmán de Euskadi en implementar esta solución”.

PUBLICIDADE